Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'Flores de Dunsinane'

Manuel Lourenzo gaña o premio Álvaro Cunqueiro cunha obra sobre Macbeth

Arrancou a Feira Galega das Artes Escénicas con 130 programadores para ollar os traballos de 20 compañías galegas.

Redacción - 17:45 19/10/2009

A Feira Galega das Artes Escénicas arrancou este luns en Santiago de Compostela. Máis de 130 programadores, produtores e distribuidores de toda a península asisten a este escaparate no que se amosan as últimas novidades do teatro e a danza co obxectivo de favorecer a súa contratación. No arranque da feira anunciáronse e entregáronse os premios de escritura teatral convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Manuel Lourenzo fíxose co XVIII Premio Álvaro Cunqueiro con Flores de Dunsinane, unha obra na que recupera os personaxes do Macbeth, de Shakespeare.

Para Manuel Lourenzo, este novo recoñecemento na súa longa carreira como autor, actor e director, non é un premio calquera: “é moi grande pola sombra que dá este nome”. Fleance, un dos personaxes do drama de Shakespeare, chega a rei de Escocia, e xa vello e preto da morte, recibe a visita dos Macbeth, os seus antecesores, cos que revive o reinado sanguento destes. Este é o argumento dunha obra da que o xurado destacou o seu ritmo e “o emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente”.

O autor describiuno como “un texto difícil, moi pouco provocativo desde o punto de vista da risa”. Manuel Lourenzo confesouse no literario debedor dun ton desiderativo que detecta en autores como Pondal, Cunqueiro e Otero-Pedrayo, para a continuación sumarse, á beira do conselleiro de Cultura e Turismo, ás críticas á política lingüística da Xunta, ao dicir que “no que se refire á lingua son decididamente afirmativo, e só aí profundamente antiabortista”. Rematou a súa intervención cun entusiasta “viva o teatro!”.

Premios de monicreques e teatro para nenos
O IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil gañouno Xosé A. Neira Cruz por Sopa de xarope de amora, que o xurado describiu como “unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmósfera que estimula a imaxinación”.

O Barriga Verde para Teatro de Monicreques na modalidade de adultos recaeu en Ignacio Vilariño, creador e investigador de monicreques que se estreaba na escrita dramática. A súa obra Auga que non vas beber... componse de anacos de cantigas populares e “entronca co teatro de Cachiporra na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste”, sinalou o xurado. Na categoría de teatro de monicreques para público infantil, o xurado premiou o texto Bon appétit, de Begoña García.

Teatro e danza á venda
A Feira Galega das Artes Escénicas amosa do 19 ao 23 de outubro en Santiago as novidades das compañías galegas, que por primeira vez acaparan na súa totalidade o cartel do evento. Dos 20 espectáculos que se van representar estes días, 11 son de teatro para adultos, seis de teatro infantil e tres de danza. A feira complétase con actividades paralelas, mesas redondas e unha zona de expositores das compañías e asociacións do sector. O obxectivo é que a feira sexa un espazo de negocio que permita a contratación dos espectáculos e a súa circulación por escenarios dentro e fóra de Galiza.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, foi o encargado de inaugurala. Destacou que o feito de que a feira acadase a súa edición número dezasete é “proba dunha continuidade non moi frecuente e signo de que os profesionais da escena foron quen de defender este espazo”. Varela sinalou que a consellería e a Agadic impulsarán as artes escénicas con varias liñas de traballo: “o reforzo das axudas á actividade profesional, máis apoio á difusión exterior, a aposta polo modelo de compañías residentes, a potenciación dos circuítos de distribución dentro e fóra de Galiza e a busca dunha maior coherencia na política de colaboración con festivais e mostras escénicas”.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: