Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Inxección económica da UE

Axudas ao sector leiteiro: poucas, tarde e distorsionando o problema fronte á opinión pública

O sector agrogandeiro critica a inexistencia de solucións a medio e longo prazo. Desde o goberno español, Elena Espinosa pide que se recoñeza o "esforzo" da UE.

Redacción / Europa Press - 09:00 20/10/2009

O sector leiteiro galego perdeu máis de 150 millóns de euros desde o inicio da campaña láctea o pasado mes de abril. As cifras púxoas na mesa este luns o sindicato Unións Agrarias (UUAA) para alertar da insuficiencia das axudas aprobadas pola Comisión Europea, montante total do que o Estado español só terá acceso a 12 millóns.

UUAA definiu así de "insuficientes" e "tardías" as axudas que a Comisión Europea propuxo para o sector lácteo, un abano de subvencións que aínda deberán pasar a peneira do Consello de Ministros de Economía o mes que vén. Para Unións trátase dunha iniciativa que, no caso do Estado español, implica unha cifra "escandalosamente pequena", apenas 12 millóns de euros, no marco da actual "magnitude da crise" que lle afecta ao sector leiteiro. Unións Agrarias propón medidas que favorezan a regulación dos mercados como o consumo de leite mediante campañas de leite escolar ou en po, ademais de mellorar os prezos de intervención. Ademais, o sindicato láiase de que a Unión Europea recoñeza "de modo tan tardío" a repercusión dunha crise que se cobrou "importantes vítimas no sector español e galego".

Distorsión cara á opinión pública
Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) chamaban este luns a atención sobre outra dimensión do problema, advertindo de que a concesión de "millóns de euros" aos gandeiros europeos no canto de apostar pola modificación das políticas agrarias e garantir un prezo polo seu traballo é un "modo de enfrontar" a opinión pública cos produtores lácteos. O SLG, que este luns participou en Luxemburgo na mobilización promovida pola Coordinadora Vía Campesiña, considera que a iniciativa da Eurocomisión deslexitima as reivindicacións dos gandeiros "ao estar estendida a crenza de que todo se soluciona con diñeiro".

A organización agraria cualifica de "cortina de fume tecida a base de diñeiro" a proposta de destinar 280 millóns de euros ao sector lácteo e afirma que a medida pretende "esconder" a "eliminación das explotacións lácteas europeas" a cambio de "regalar" ese espazo ás multinacionais da alimentación. O SLG insiste en que a crise do sector lácteo se soluciona con "vontade política" para regular a produción de modo que os gandeiros poidan vivir "directamente" do seu traballo "como calquera profesional", sen depender das subvencións. "Nós non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo", insistiu. Para o Sindicato Labrego sería "lexítima" unha "axuda puntual" ante a grave situación rexistrada e tal e como están a percibir outros ámbitos de produción. Porén, insisten en que a actual conxuntura está provocada porque os gobernos fan políticas agrarias "á medida das multinacionais e non dos gandeiros".

O goberno español defende as axudas
A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, subliñou que o sector do leite recibirá este ano 250 millóns de euros en subvencións, ademais de 91,5 millóns polas medidas anticrise, e rexeitou falar de "contías desprezábeis" ao poñer en valor os esforzos estatais e da UE para sacar ao sector da crise. "Cando se está en crise, sempre se pode dicir que as axudas son insuficientes", afirmou a ministra, "pero hai que recoñecer o esforzo que se vai facendo pouco a pouco para que o sector mellore a súa situación e non estamos a falar de contías desprezábeis, senón dun incremento do 40%", declarou a ministra aos medios tras o primeiro día de Consello de Agricultura e Pesca da UE que se celebra en Luxemburgo.

A avaliación do goberno español chegaba ao fío de que a comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, anunciaba que avalará a petición de 21 Estados membros para destinar unha axuda extraordinaria de 280 millóns de euros aos produtores europeos en 2010. Unha medida que se traducirá en menos de 1.000 euros de media por explotación e que deixa o presuposto agrícola para ese ano "sen nada", segundo advertiu a comisaria. A este respecto, a ministra Espinosa recordou que é unha acción que aínda necesita o visto bo dos ministros de Economía e do Parlamento Europeo e aclarou que o seu departamento aínda non fixo "estimacións" sobre o que recibirá o Estado español.

Fontes comunitarias indicaron que a nivel estatal prodúcese un 4,3% do leite da Unión Europea, polo que se o cálculo para repartir a partida adicional se basea na produción de cada Estado membro, como apuntou Fischer Boel, o Estado español recibirá uns 12 millóns de euros. A Coordinadora de Organizacións de Agricultores (COAG) estima que con estas cifras, o agricultor estatal recibirá en torno a 400 euros de media.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: