Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REPORTAXE: RÍA DO BURGO

O marisco máis contaminado de Europa fornece os mercados galegos

Un organizado comercio ilegal permite extraer sen licenza milleiros de quilos que se distribúen sen atrancos en restaurantes e puntos de venda alimentarios.

Isabel G. Couso - 10:00 27/10/2009
O número de mariscadores ilegais que faenan na ría poden ascender até o cento

O número de mariscadores ilegais que faenan na ría poden ascender até o cento

"Animo a todo o mundo que non teña traballo a mariscar furtivamente". Esta é a recomendación de X. P., un mariscador ilegal que atopou nesta actividade unha saída laboral: "estou desempregado e recoller ameixas na Ría do Burgo permíteme comer". Máis alá desta discutíbel solución persoal, unha visita á praia de Santa Cristina depáranos unha imaxe que poría en dúbida calquera prohibición de marisqueo na ría. Dende abril de 2007, esta é unha zona pechada a calquera tipo de actividade marisqueira por mor da súa grave contaminación, mais a realidade ofrécenos a medio cento de ilegais traballando diariamente, que poden chegar até os 100 cando as mareas son axeitadas.

Un día de furtivo
Como é de supoñer, o traballo destas persoas precisa dunha infraestrutura de distribución que supera os límites dos contactos persoais. A diario, cada un destes furtivos cumpre unha xornada laboral que se inicia no traballo de recolección e que continúa co de traslado e venda. Os horarios laborais dependen, iso si, das mareas, que determinan cando é a hora de comezar a traballar. Entón, os ilegais agardan o paso da lancha de vixilancia, que deixa o camiño libre durante unhas horas para a recolección. Co raño na man, cada unha destas persoas extrae unha media de 30 quilos de marisco.

"Nunhas tres ou catro horas de traballo podes sacar uns 50 euros, que non é unha cantidade nada desdeñábel", di X.P. Así as cousas, as contas dan cifras case escandalosas: con 50 persoas traballando diariamente na extracción duns 30 quilos por persoa, a cantidade de marisco que sae diariamente da ría coruñesa do Burgo ascende até os 1.500 quilos. Con todo, a cifra pode ser aínda maior en días de boas mareas, cando se duplica o número de mariscadores.

Outra cuestión é a venda. Ademais de posíbeis transaccións a particulares, é lóxico pensar que 1.500 quilos de marisco precisan dunha ampla e organizada infraestrutura para chegar ao mercado. Aquí entran os locais de restauración que, sorteando calquera tipo de controis legais, mercan directamente o produto ao mariscador. "Algunhas veces tes encargas dos restaurantes, que te chaman, que che piden 10 ou 20 quilos e xa che solucionan o día", di X.P. O marisqueo ilegal na ría é un segredo a voces e a venda directa aforra aos hostaleiros o gasto que suporía a compra legal nas lonxas: "vendemos a ameixa a unha terceira parte do prezo que tería nas canles legais".

Mais outro segredo a voces é a existencia doutra sorte de intermediarios que colocan o produto no mercado sen problemas: ao pé da ría sitúanse unhas chabolas nas que xitanos e portugueses xestionan a venda e distribución do marisco que non está vendido previamente. "Cando non teño encargas suficientes, lévollo a eles e xa cho pagan no momento e non te tes que preocupar de sacalo no coche e expoñerte a que te paren e te multen". De aquí, as ameixas e berberechos distribúense cara outros locais hostaleiros de toda Galiza, mais todo apunta a que tamén se introducen no mercado legal a través doutras vías: vendéndoas en lonxa como capturas doutras rías que non están en veda ou mesmo adicándoas á cría doutras zonas.

Vixilancia e control
Na Ría do Burgo teñen licenza de marisqueo un total de 140 traballadores (unha cifra moi inferior aos 2.300 que había hai uns 30 anos). Con todo, coa zona vedada dende o ano 2007, o oficio ao que se adican agora os mariscadores é o de rexenerala para que volva producir nas cantidades nas que o facía entón. O furtivismo non é alleo á súa realidade, mais dende a Confraría de Pescadores da Coruña, Manuel Cao, condénao. "A solución ten que vir da vixilancia e o control, pero cos medios que hai hoxe é imposíbel poñerlle freo", di Cao.

Segundo datos facilitados pola Consellaría do Mar a Vieiros, no que levamos de ano (dende xaneiro até o pasado 20 de outubro) incautáronse 361 quilos e medio de marisco extraido de xeito ilegal na Ría do Burgo. Ademais, houbo un total de 61 artes comisadas, entre as que se enumeran botellas, traxes de mergullo, raños e demais útiles precisos para este traballo.

O propio furtivo X.P. explica que entende que os vixilantes fagan a "vista gorda": "é normal, hai que pensar que un ou dous vixilantes non se poden enfrontar con 50 ou 100 mariscadores co raño na man". Outra cuestión é a vixilancia da distribución e venda. Cabería agardar que fosen necesarios controis de calidade, de depuración e etiquetaxe, mais a realidade non é esa: "o único que che piden é que lle des un ou dous lavados con auga salgada e xa está".

Dende a Confraría avogan ademais por endurecer a lexislación cos ilegais: "tal e como está a lei non teñen máis que declararse insolventes", explica Cao, "habería que facer que o furtivismo fose penal, esa xente ten unha débeda co pobo, non pedimos que os leven para a cadea pero, cando menos, que teñan que realizar traballos sociais en compensación". Así as cousas, consciente da problemática real que supón a existencia do furtivismo, Cao avoga por unha solución intermedia: "o que hai que facer é rexenerar a ría primeiro e despois absorber aos furtivos para convertelos en profesionais".


4,71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Ria do Burgo baña os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo e Oleiros
A Ria do Burgo baña os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo e Oleiros
A ameixa é un dos mariscos que máis se extrae ilegalmente da Ría do Burgo
A ameixa é un dos mariscos que máis se extrae ilegalmente da Ría do Burgo
A do Burgo está considerada a ría máis contaminada de Europa por mor dos verquidos dos que é obxeto
A do Burgo está considerada a ría máis contaminada de Europa por mor dos verquidos dos que é obxeto