Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FOLGOSO E LÁNCARA

Compra de vontades políticas coa vista posta na Deputación

PSdeG e BNG cren que a moción de censura obedece a un intento do PP de recuperar o control do organismo provincial. O PPdeG nega calquera estratexia

Redacción - 17:30 24/10/2009

Máis alá dos tira puxas municipais, tanto PSdeG como BNG entenden que nas últimas mocións de censura vividas no país hai unha estratexia política que non é allea á dirección do PPdeG. Os socialistas perderon este sábado en Folgoso a súa segunda alcaldía no prazo dunha semana (despois da de Láncara) na provincia e comezan a amosar ás claras a súa intuición de que os populares teñen como obxectivo o goberno provincial.

Feira de vontades políticas
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Xosé Antón Bao (BNG) xa adiantou que estes movementos en Láncara e O Courel "obedecen a un intento do presidente do PP en Lugo, Xosé Manuel Barreiro, por recuperar o control do organismo provincial". Insistiu en que Barreiro, que fora candidato polo PPdeG nos últimos comicios municipais, quere recuperar "a toda costa" o control desta institución que fora presidida durante 24 anos polo popular Francisco Cacharro. Na súa opinión, os populares "abandonan novamente a vía democrática buscando atallos pouco éticos que están convertendo a política local nunha feira para comprar vontades políticas".

Na mesma liña se manifestou o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, quen dixo que coa moción de censura de Folgoso "non se pretende recuperar a alcaldía senón a Deputación de Lugo". "O PP puxo en marcha", dixo, "unha campaña para comprar con cartos públicos o que os cidadáns lle negaron nas urnas". Rexeitou que os casos de transfuguismo de Folgoso, Gondomar ou Silleda sexan accións espontáneas, senón "parte dunha estratexia do PP da que responsabilizou a Barreiro, mais tamén ao presidente Alberto Núñez Feijoo.

Pola súa parte, a nova executiva provincial do PSdeG de Lugo presentou o que denominou o "Manifesto do Courel", un documento no que condenan as mocións de censura que se produciron en Galiza e rexeitan a actitude dos partidos "que se aproveitan de persoas inmorais" para conseguir o poder.

O PPdeG, á marxe
Pola súa parte, o presidente provincial do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, puxo todo o seu énfase en diferenciar os casos de Folgoso e Láncara, xa que entende que son situacións totalmente diferentes. Dunha banda, recorda que en Láncara, os populares recibiron o apoio dos dous edís de Terra Galega que anteriormente apoiaban a outro partido, sen que se produza, na súa opinión, ningún caso de transfuguismo.

No referente á Folgoso, Barreiro recordou que o PP non aprobou a moción de censura, se ben aclarou que podía entender a postura de quen a promovía. Subliñou que o grupo que gobernará a partir de agora xa non forma parte do Partido Popular, senón que abandonaron a súa militancia para formar parte dun novo grupo chamado Alianza polo Courel.

Finalmente, Barreiro desvencellou a moción cun intento do PP de recuperar o poder na Deputación. Asegurou que non é o obxectivo do seu partido e lamentou que o actual goberno provincial (bipartito) dilapide os cartos en cuestións innecesarias, cando recibiu o organismo nunha inmellorábel situación financeira.


2.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: