Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Eleccións xerais e provinciais

Moçambique: A Frelimo debe gañar

As divisións dentro da oposición dan por seguro que a Frente de Libertação de Moçambique, partido no poder desde a independencia en 1975, venza de novo.

Fernando Arrizado - 11:30 28/10/2009
Repartindo propaganda do MDM

Repartindo propaganda do MDM

Os mozambicanos comezaron a votar esta cuarta feira nas eleccións xerais en que a Frente de Libertação de Moçambique (Frelimo), partido no poder desde a independencia en 1975, está practicamente seguro de vencer grazas ás divisións dentro da oposición, informan medios locais e axencias internacionais.

Polo menos 10 millóns de electores, dun total de 22,4 millóns de habitantes, están rexistrados para escoller 250 deputados do Parlamento e dez asembleas provinciais, ademais do xefe de Estado. Un total de 17 partidos e dúas coalicións presentan candidaturas para a Asemblea da República, aínda que só a Frelimo e a Resistência Nacional de Moçambique (Renamo) están presentes en todas as circunscricións.

Esta é a cuarta elección nacional desde a instauración da democracia pluralista en 1994. Logo da independencia en 1975, a Frelimo fíxose co poder, á que se opuxo a guerrilla da Renamo, o que levou o país a unha guerra civil que durou case 17 anos e na que morreron perto dun millón de persoas até a firma do Acordo Xeral de Paz en 1992.

Isto permitiu que se organizasen as primeiras eleccións xerais dous anos máis tarde, en 1994, gañadas polo candidato da Frelimo, Joaquín Chissano, que volveu gañar en 1999. En 2004, foi substituído como candidato por Guebuza, que tamén obtivo a vitoria á fronte da Frelimo.

Armando Guebuza, de 66 anos e no poder desde 2004, será con toda seguridade reelixido presidente. A Frelimo tirou partido da formación en marzo do Movimento Democrático de Moçambique (MDM) por un disidente de seu rival histórico, a Renamo.

A Renamo, que ten seu líder Afonso Dhlakama como candidato á Presidencia pola cuarta vez, após tres tentativas fracasadas, está en declive desde hai algúns anos. O antigo movemento rebelde, que tiña o apoio dos réximes racistas da África do Sur e da entón Rodesia (actual Cimbabue), non consegue se librar da imaxe ruín.

O MDM, dirixido por Daviz Mbepo Simango, prefecto de Beira (segunda maior cidade do país), espera se tornar a segunda forza política do país, mas non debe acabar coa hexemonía da Frelimo. Aínda máis despois que, nunha decisión polémica e moi crítica, a comisión electoral vetou, alegando razóns administrativas, os candidatos do MDM ás lexislativas e, nove das 13 circunscricións.

Ambiente tranquilo e colas para votar

As urnas abriron nun ambiente tranquilo, ás 7.00 horas (6.00 horas, na Galiza), nas 12 mil mesas electorais instaladas en todo o país, atendidas por 90 mil axentes e outras 30 mil persoas de apoio, informan as axencias internacionais. Nalgúns colexios de Maputo había longas colas para votar. A grande incógnita da votación é a abstención, xa que a presenza nas eleccións de 2004 foi de apenas 36%.

Máis dun milleiro de observadores nacionais e internacionais, entre estes representantes da Unión Europea, da Unión Africana e da Comunidade para o Desenvolvemento de África Meridional, supervisarán o desenvolvemento dos comicios, para as que están acreditados uns 500 xornalistas.


Ligazóns

4,89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: