Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Non haberá máis atrasos

Os datos de implantación da TDT dan por feito un próximo apagón analóxico

O Ministerio de Industria asegura que o 84% dos fogares da área de Santiago e o 73,5% de Ourense Leste xa están preparados.

Redacción - 18:15 29/10/2009

Despois dun atraso de máis de catro meses, parece que unha parte de Galiza xa está lista para os primeiros apagóns analóxicos. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio presentou, primeiro en Ourense e despois en Compostela, os datos de implantación da TDT que parecen confirmar que entre decembro e xaneiro se producirá xa a transición definitiva.

O director da Oficina Nacional de Transición á TDT, José Antonio Quintela, anunciou que, segundo datos de setembro, o 84% dos fogares da zona de Santiago e o 73,5% de Ourense Leste xa acceden ás canles dixitais. A porcentaxe de casas antenizadas supera o 89% e o 99,5% da cidadanía xa coñece o que supón a televisión dixital.

Para permitir que ninguén quede sen ese servizo por falta de coñecemento, o ministerio vai poñer en marcha campañas informativas polos máis de 40 concellos occidentais e 16 orientais. As áreas rurais parten, en principio, coa vantaxe de que non terán que facer cambios nas antenas, ao estaren formadas principalmente por vivendas unifamiliares, aínda que tamén será onde existan zonas de sombra ás que nunca chegarán as ondas dixitais. Para evitar esa falta de servizo, terán a posibilidade de acceder á televisión a través do satélite, que garante unha cobertura universal.

En Compostela prevese instalar un punto de información fixo da TDT durante dous meses, a partir de mediados de novembro. Ademais, unidades móbiles informativas percorrerán os concellos afectados, do 15 de outubro ao 17 de decembro no caso da área compostelá e do 25 de novembro ao 12 de decembro na ourensá. Tamén se distribuirán folletos informativos en centros de saúde e sucursais bancarias. Mensaxes sobreimpresas nas emisións analóxicas informarán da data do apagón, aínda non fixada oficialmente polo ministerio.

Galiza é a única comunidade autónoma que, quitada a experiencia pioneira da Fonsagrada, aínda non tivo ningún apagón analóxico. O cambio de Goberno foi a xustificación dada para non ter acadada a cobertura mínima que permita o cambio tecnolóxico. O atraso tamén lles afectou a Euskadi e a Castela e León que, no entanto, fixeron a mudanza este mes de outubro.

Precisamente ese atraso causou que os acendidos dixitais que se están a producir nas dúas áreas incluídas na primeira fase se fagan dun xeito un tanto traumático: os centros emisores máis pequenos que quedaban por dixitalizar sufrirán un apagón analóxico no mesmo momento en que pasen a dixital, sen ningún período de transición. Así está a acontecer nos concellos da zona de Ourense Leste, cuxo plan de acendido se presentou oficialmente a semana pasada.


3/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: