Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Arranca este martes en Vigo

Pop de cámara e experimentacións contemporáneas para abrir a estación Outono do Sinsal 7

Kings of Convenience abren o festival, no que o mércores estará o compositor Nico Munhly, aliado das estrelas do pop indie.

Redacción - 09:30 03/11/2009
Nico Muhly

Nico Muhly

A nova tempada da sétima edición do Sinsal volve traer algunhas das propostas musicais alternativas máis interesantes. Ata final de ano pasarán por Vigo o pop delicado de Kings of Convenience, os novos camiños da música contemporánea do selo Bedroom Community, o rock no límite dos fineses Circle, o weird folk de The Dodos, o electropop de Tender Forever e a batedora de ideas do ourensán Emilio José. E na extensión compostelá os estadounidenses Woods ofrecerán unha sesión de folk psicodélico.

Abren a estación Kings of Convenience este martes no Centro Cultural Caixanova. O dúo noruegués deixou atrás cinco anos de silencio coa publicación de “Declaration of Dependence”, no que volven ao seu pop delicado, debedor de Simon & Garfunkel, Nick Drake e Belle & Sebastian. Erlend Oye e Eirik Glambek Boe válense fabrican cancións sinxelas e emocionantes, con melodías coidadas que se pegan con facilidade ao oído. Abrindo o seu concerto soará o pop electrónico da cantautora chilena Javiera Mena.

Bedroom Community
O Marco acolle o mércores a segunda cita do festival: catro concertos nun a cargo dos músicos do selo Bedroom Community, que desde as coordenadas da música contemporánea, electrónica e de cámara presentan algúns dos discos máis interesantes dos últimos anos. Entre eles destaca a presenza de Nico Muhly, un compositor e intérprete que con só 28 anos xa se converteu nun nome recorrente tanto na música contemporánea como nos círculos independentes. Na súa produción destacan dous traballos en solitario, Speaks Volumes e Mothertongue, a súa colaboración con Philip Glass, bandas sonoras como a d'O lector, e arranxos e produción en discos de Björk, Bonnie “Prince” Billy, Antony and the Johnsons e Grizzly Bear.

O set do mércores complétano o australiano Ben Frost, creador de atmósferas escuras próximas ao ambient e o dark metal; o islandés Valgeir Sigurdsson, colaborador habitual de Björk e CocoRosie que explorou novos camiños no seu disco Ekvilibrium, no que Bonnie “Prince” Billy puxo a voz; e o estadounidense Sam Amidon, que practica un folk que combina a busca das raíces con certo alento experimental.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: