Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A policía xudicial rexistra o Inludes

A vicepresidenta da Deputación de Lugo declara diante da xuíza sobre irregularidades en Vías e Obras

Lara Méndez (PSdeG), vicepresidenta 2ª da deputación e dous funcionarios foron prestar declaración, mais non en calidade de detidos, e en relación con asuntos orixinados durante o anterior goberno da institución.

Redacción / Axencias - 18:50 02/11/2009

O xulgado de instrución número 3 de Lugo, que xestiona a investigación sobre tráfico de influencias e supostas irregularidades na contratación de obras no Concello de Castro de Rei, requiriu información do Instituto Lucense para o Desenvolvemento (Inludes). Froito da investigación, a vicepresidenta 2ª da deputación, e á súa vez presidenta do propio Inludes, Lara Méndez, unha técnica vencellada a este organismo e máis outro funcionario relacionado co departamento de Vías e Obras, foron requiridos para prestar declaración ao respecto das investigacións aínda que, segundo subliñan fontes da Deputación e do propio PSdeG, non en calidade de detidos.

A policía xudicial, coa propia xuíza Estela San José á fronte, estivo este luns pola mañá na sede da institución, onde acompañados pola máxima responsábel do Inludes, revisaron documentación diversa. O organismo presidido pola tamén edil socialista no Concello de Cervo, xestiona un orzamento de arredor de dez millóns de euros en proxectos relacionados coa promoción económica e fomento do emprego no contorno provincial. Lara Méndez e dous técnicos provinciais acompañaron despois a xuíza Estela San José logo de que, contra as 17h30, rematase a recollida de información da sede do Inludes no edificio administrativo do Fogar de Santa María. 

Desde a Deputación de Lugo, o seu presidente, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, aseguraba a primeira hora da tarde non ter constancia oficial de que estas detencións se tivesen producido e aseguraba que o ente provincial colaborará coa máxima transparencia nas investigacións relacionadas. De momento descoñécese o contido das dilixencias abertas pola xuíza ao respecto do Inludes. Presuntamente, o caso estaría relacionado coa investigación aberta polo mesmo xulgado de instrución sobre as supostas irregularidades na contratación de obras no Concello de Castro de Rei e que levaron á detención do alcalde deste municipio, o tamén socialista Xoán Xosé Díaz Valiño e tres concelleiros. A mesma xuíza levara tamén no seu momento o caso das multas de tráfico que orixinou a dimisión do subdelegado do goberno español, Xesús Otero.

Segundo as primeiras informacións que transcenderon sobre o caso, a Xustiza demandou datos sobre diversas operacións que inclúen concellos de toda a provincia de cores políticas diversas e relacionados co departamento de Vías e Obras. Os asuntos investigados arrincan xa no último treito do goberno do PP á fronte do ente público, durante o ano 2006. En 2007 accedeu ao poder na institución, e logo da cita electoral municipal dese ano, unha coalición formada por PSdeG e BNG.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: