Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusan de "nefasta xestión" do goberno local

Unha moción de censura de PSdeG e BNG apartará o PP do poder en Porto do Son

O socialista Xoán Pastor Rodríguez e a nacionalista Ánxela Franco ostentarán os cargos de rexedor e tenente de alcalde, respectivamente.

Redacción / Europa Press - 10:30 07/11/2009
Porto do Son, Casa do Concello

Porto do Son, Casa do Concello

PSdeG e BNG anunciaron esta fin de semana unha moción de censura no Concello de Porto do Son para contrarrestar a "ineficacia" do goberno local do PPdeG e á vista de que os presupostos da Xunta "anulan" proxectos comprometidos para este concello. Deste xeito, a secretaria de Acción Municipal do PSdeG, Mar Barcón, asegurou, que este pacto ten un dos seus piares na necesidade de "non desperdiciar" as partidas que recibirá Porto do Son do novo Fondo de Cooperación Local.

A futura tenente de alcalde, Ánxela Franco, explicou que "había que buscar unha fórmula fronte á ineficacia e desleixo" co que "estaba a actuar" o goberno do PP e puxo como exemplo diso a non aprobación dun plan de ordenación municipal ou dos presupostos. Así mesmo, expresou que a cidadanía "estaba desilusionada" co rumbo do goberno local, o que sumado ao borrador de presupostos da Xunta e á "ineficiencia" do municipio, levou a socialistas e nacionalistas a iniciar as negociacións para elevar un goberno de "esquerdas e con capacidade de diálogo coas demais forzas".

Elección de alcalde
Segundo os socialistas, o BNG "quería a Alcaldía" para a súa formación, o que motivou o atraso para este acordo, dado que a executiva do PSdeG rexeitaba este extremo. A maiores, os nacionalistas "opoñíanse" a que o anterior alcalde socialista, Ramón Quintás, volvese rexer o concello, o que enrocou as conversacións entre ambas as dúas forzas.

Así, Mar Barcón destacou a "mostra de xenerosidade" do ex alcalde de Porto do Son, quen dirixiu o concello 12 anos, ao propiciar que outro socialista fose o candidato. De feito, asegurou que esta situación "facilitou o acordo" final, no que aínda "faltan uns fíos" por pechar ao respecto da repartición competencial, segundo indicaron fontes do Bloque. Ao respecto deste obstáculo, Ánxela Franco explicou que, na campaña electoral das municipais, o BNG comprometérase a non pactar co candidato socialista, polo que os nacionalistas "cumpriron" a súa promesa cando "se presentou a oportunidade de facelo". Para a futura tenente de alcalde e que tamén será a voceiro do goberno local, unha das principais "prioridades" será a aprobación do plan de ordenación urbana, para o que garantiu "diálogo" coas forzas sociais e o resto de grupos municipais.

Tras as eleccións municipais do 2007, a corporación municipal quedou integrada por seis concelleiros do PP, cinco do PSOE, catro do BNG e dous independentes. A falta de acordo entre nacionalistas e socialistas propiciou a alcaldía de Manuel Tomé co apoio dos independentes. Para o secretario de Acción Municipal do BNG, Manuel Antelo, esta moción de censura trátase dunha "reposición do acordo" entre socialistas e nacionalistas no municipio.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: