Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Este mércores en Santiago

The Beatles tamén son nosos

Sete grupos galegos soben ao escenario para reinterpretar ao seu xeito temas clásicos do grupo británico.

Redacción - 16:50 09/11/2009

En 1966 John Lennon, Paul McCartney, George Harrison e Ringo Starr andaban por Portugal cando alguén os convenceu para achegarse a Vigo e tocar os temas de Revolver diante dun público que non os coñecía. Camilo Franco imaxinou no seu libro Palabras contadas unha posibilidade que non foi. Cinco décadas despois, sete grupos amosarán en Santiago de Compostela que, aínda que nunca pisaran este país, a música de The Beatles tamén é galega.

The Homens, Niño y Pistola, Narf + Javier Abraldes, Magín Blanco & Burgas Beat, Magritte, Faltriqueira e U-lo Trío subirán este mércores ás 11 da noite ao escenario da sala Capitol, en Compostela, para reinterpretar desde as súas propias coordenadas os temas da icona universal da música pop. No concerto “The Beatles: Re-Volver” cada formación levará dúas cancións do grupo de Liverpool ao seu terreo: o rock, o power pop, o jazz ou o folk.

O escritor e xornalista Camilo Franco exercerá de mestre de cerimonias nun concerto que pretende ser pouco cerimonioso cos Beatles. 40 anos despois da súa separación, as súas cancións soarán “convenientemente remasterizadas sen nostalxia e sen ánimo de imitación para demostrar que a música de The Beatles é a música de todos”, sinala Camilo Franco.


"Norwegian Wood" na versión de U-lo Trío

Bos rapaces con moi boas cancións
Todos os participantes valoran o papel do grupo británico na historia da música popular da segunda metade do século XX. Para Niño y Pistola “o nivel de excelencia que mantiveron os Beatles en todos os seus discos é inigualábel”. The Homens son igual de entusiastas: “foron os que fixaron o canon do pop e o rock con guitarras e cantábel: enerxía, melodía, verso, estribillo e un pouco de experimentación”. Para os ourensáns Magritte, que serán uns dos que se atrevan a levar ao galego as letras de Lennon e McCartney, “a maior grandeza dos Beatles está nas súas melodías, a frescura e tamén o risco co que interpretaban e gravaron as cancións”. Magín Blanco resúmeo en que “fixeron moi boas cancións e por riba eran bos rapaces”.

Entre os músicos galegos tamén os hai que cren que non só o talento e a calidade do repertorio serviron para manter a vixencia do grupo. Narf apunta o feito de que “a industria da música pop empezou con eles, e está claro que a maquinaria que xestiona o legado dos Beatles segue a ser eficaz, con relanzamentos periódicos e espectaculares en todos os formatos habidos e por haber”.

Para U-lo Trío, os de Liverpool sintetizaron “os cambios que se produciron nos 60 e evolucionaron absorbendo creativamente múltiples influencias”. Pode que o trío sexa un dos grupos que participarán no concerto que se atopa máis lonxe das coordenadas musicais de The Beatles. O outro sería Faltriqueira, aínda que as cantareiras admiten certa influencia beatle no seu traballo: “o gusto pola melodía e o ritmo, e o empaste de catro voces e personalidades”.

O concerto está organizado pola Concellaría de Cultura de Santiago dentro do programa de Cineuropa, onde se está a proxectar un ciclo de filmes dedicado ao grupo. As entradas para o concerto custan 3 euros.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: