Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Activismo político na rede': Valoracións

“Isto non fica aquí”

Blogueiros e xornalistas do país analizan coa vista posta no futuro a súa participación en representación da rede galega, a pasada cuarta feira no Parlamento Europeo.

F. Arrizado - 09:00 16/11/2009

“Non estaban todos os que son, nin eran todos os que estaban”. A nacionalista Ana Miranda, que nuns meses ocupará o seu posto de eurodeputada en Bruxelas, aspira a consolidar e ampliar en futuras citas a representación de blogueiros e xornalistas que -considera- deberían constituír unha plataforma estábel, da rede galega, que actúe “máis alá dun evento ou unha loita concreta”.
 
Coa representante do BNG, formación integrada no grupo parlamentario de Os Verdes-ALE que propiciou a realización do seminario Activismo político na rede, coinciden a totalidade dos integrantes da delegación galega que viaxaron á 'capital europea', ofrecendo unha “visión non total, mais si poliédrica” do panorama en Galiza.

Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas e autor do blog Si home si, apunta a necesidade de “amarrar o contacto” e, citando a Manuel M. Barreiro -outro dos participantes e responsábel do blog Caderno de Paso-, de estabelecer unha “comunidade de propósitos” ou “célula pensante” que aglutine forzas a prol da consecución de obxectivos políticos compartidos, segundo este último, “en réxime de mancomún”.

Tamén Manoel Santos, director de Altermundo, incide na importancia de “estabelecer contactos” entre as diversas iniciativas que hai na rede galega, co fin de “reforzarse” e mesmo de “crear un grupo de presión”. O editor da publicación, centrada na “comunicación alternativa” e na “transformación social”, engade que a colaboración informativa estábel tamén se debe dar entre as diversas nacións sen estado da UE, que non teñen espazo nos medios tradicionais.

Ao respecto, o coordinador dos blogs Renovar o BNG e Feijoo mente, Filipe Díez, considera que “cómpre afondar na visión internacional de Galiza”. Algo que ao seu entender, conseguiuse en boa medida durante o seminario no Parlamento Europeo, onde se lle deu “visibilidade” aos “trazos que caracterizan a blogosfera galega, desde a esquerda e o nacionalismo”.

María Yáñez, xornalista e cofundadora da empresa responsábel de webs como QuinTV e Flocos, propón neste senso a creación dun “agregador de blogs europeos, para coñecer a realidade das nacións sen estado”, e valora a realización do seminario como un “bo punto de partida” para “saber doutras experiencias e que saiban da nosa”.

Xabier Pérez Igrexas, un dos impulsores de Blogues pola Lingua e de Televisión manipulación, ademais de autor do blog Contradiscurso, sinala que o reto agora é “materializar os propósitos macro que xorden neste tipo de seminarios”, e aposta por ampliar a representación da blogosfera galega en caso de que a iniciativa avance.

Precisamente, o xornalista e investigador Marcos Pérez, autor do blog Zero Vacas, cita o Pérez Igrexas cando afirma que “a rede en si mesma non é nada”. “É unha ferramenta que primeiro hai que aprender a utilizar para que sirva como instrumento de mobilización social e influencia na xente e nos medios tradicionais”, asegura.

O escritor e responsábel do blog O café na trincheira, Antón Baamonde, analízao así: “En Galiza o mapa de medios convencionais é tan dependente do poder político que a rede se converte nun espazo de liberdade”. Pola súa banda, o director de Galicia confidencial, o secretario xeral do Sindicato de Xornalistas, Xurxo Salgado, cre que o blog “ten que servir non só de anécdota persoal”, senón tamén -“tal e como comprobamos”, di- de “instrumento de acción política”.

A diáspora: balsámica e tonificante

Noutra cuestión que coinciden os compoñentes da delegación galega é que os encontros físicos son necesarios. “É o paradigma da rede, que aínda que estamos todos conectados, as experiencias dispérsanse”, afirma o Pérez Igrexas. “Tanta historia virtual e ao final o presencial é moi importante”, di o Pereiro que o atribúe a que “o tema afectivo compromete máis”.

Ana Miranda valora aínda máis este punto, por canto se produciu en Bruxelas, no Parlamento Europeo -“en galego, demostrando que é viábel e que se non se fai é por un capricho do PP”-, e na Livraría Orfeu, debatendo coa colectividade galega (entre estes, membros da asociación Couto Mixto): “A diáspora une as persoas que aquí (por Galiza) non se poñen de acordo”.


Xunto coa delegación galega, no seminario internacional da pasada cuarta feira, participaron representantes doutras iniciativas europeas que procuran a participación activa da cidadanía: a competición europea de blogueiros Th!nk about it; ou a experiencia do Partido Pirata sueco, nacido e xestionado desde a internet.

Theo Francken, Henrik Alexandersson, Christian Jones e Enric Xicoy debuxaron os trazos das blogosfera flamenga, sueca, escocesa e, no caso do catalán, a nivel comarcal coa Osonosfera. O vasco Paul Rios, coordinador de Lokarri, presentou o proxecto Politika 2.0 en que traballa, centrado no diálogo e no debate político no seu país.


Ademais, o escocés Davie Hutchison falou da campaña para conseguir un dominio .sco, un debate en que tamén saíu a relucir o traballo realizado desde Galiza a prol do .gal. E tamén se falou de xornalismo dixital: do periódico dixital catalán Vilaweb, e de Vieiros, líder en visitas e lectores e decano da prensa dixital en galego, que ademais presentou o especial Europa, Terra de pobos.


4,32/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Praza exterior e hemiciclo interior do Parlamento Europeo / Fotos: F. A.
Praza exterior e hemiciclo interior do Parlamento Europeo / Fotos: F. A.
Ana Miranda (BNG), Christian Engström (Partido Pirata) e Oriol Junqueras (ERC) / Foto: contradiscurso.net
Ana Miranda (BNG), Christian Engström (Partido Pirata) e Oriol Junqueras (ERC) / Foto: contradiscurso.net
Un momento da xuntanza na Orfeu Livraria coa colectividade galega / Foto: contradiscurso.net
Un momento da xuntanza na Orfeu Livraria coa colectividade galega / Foto: contradiscurso.net