Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOVEMENTO VECIÑAL

Cogomelos para reivindicar a propiedade do monte

Ante a presenza de antidisturbios, os veciños de Salcedo organizaron unha recollida de setas para exixir o uso libre dos terreos que rodean a base militar da Brilat.

Redacción - 11:00 16/11/2009

"Os cogomelos, como o monte, son de todos". Baixo este lema, uns cincuenta veciños de Salcedo saíron esta fin de semana a recoller setas nos arredores da base militar da Brilat. Reclamaron así o uso libre do monte sen limitacións xa que consideran que os terreos son "do pobo e non de Defensa". Durante toda a saída, estiveron vixiados por varias dotacións de antidisturbios da Policía Nacional.

Denuncia de agresións
Este acto lúdico, convocado pola Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta, converteuse nunha protesta contra as últimas multas e agresións das que, segundo explican, foron obxecto. A última foi a vivida hai unha semana nestes mesmos montes de Salcedo. Dous veciños presentaron dúas denuncias ante a Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra contra os militares que, supostamente, lles agrediron fisicamente cando camiñaban polas inmediacións da base militar.

Segundo relatan, unha muller de 60 anos foi primeiro recriminada e logo empurrada por unha patrulla militar mentres camiñaba pola zona. Tivo que ser trasladada ao Hospital de Montecelo, onde obtivo un parte de lesións por hematomas. Ao tempo, outro home, de 53 anos, que foi testemuña do acontecido, recibiu unha patada nunha perna. Pola súa parte, fontes da Brilat negan que houbese calquera reacción violenta por parte do corpo de garda cara esas persoas.

Doutra banda, a Comunidade de Montes, asegura que nos días seguintes máis veciños foron "increpados" polos militares cando se atopaban no monte comunal. Ante estes feitos, xa solicitaron ás diferentes administracións e partidos políticos que condenen o acontecido, así como reclamaron accións similares por parte dos estamentos militares.

Máis actos públicos
A comunidade de Montes e a comisión veciñal de afectados decidiron, nunha xuntanza de urxencia, convocar unha protesta ante as portas da base militar. Celebrarase o vindeiro martes 8 de decembro, día festivo no cuartel. Cumprirase entón un ano exacto do enfrontamento entre policías e veciños que saltara ás primeiras páxinas dos medios de comunicación do país.


Ligazóns

4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: