Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE E EMPREGO

As previsións económicas baten coa realidade

A ministra de economía asegura que o 2010 será o ano da recuperación, mais adianta que o paro seguirá medrando.

Redacción - 12:06 19/11/2009
Máis alá de previsións macroeconómicas, o desemprego aumentará o vindeiro ano

Máis alá de previsións macroeconómicas, o desemprego aumentará o vindeiro ano

Dino todas previsións: "a crise está tocando fondo", "o vindeiro ano será o da recuperación" e "a economía comezará a medrar". Mais, doutra banda, os vaticinios tamén nos apuntan a un "crecemento continuado das cifras de desemprego" ou "dun mal ano para o paro". O desconcerto e a confusión poderían apoderarse rapidamente de calquera traballador atento á información económica, tan baseada en estatísticas matemáticas como aparentemente incerta.

Unha vez máis, a macroeconomía sérvenos para explicar a realidade económica, mais no seu conxunto. Tirando de certos factores, considerando outros constantes, utilizando determinados supostos, abstraéndose en suma da realidade, chega efectivamente a conclusións certeiras, mais en ocasións non dan resposta ás preguntas sobre o cotián. Así se desprende da aparente contradición, segundo a cal no 2010 o PIB español medrará un 0,9% (segundo as previsións da OCDE), pero o paro seguirá a aumentar por enriba da media dos últimos oito anos (segundo o ministro de Traballo, Celestino Corbacho).

Expectativas económicas
Así, as últimas previsións ofrécennos datos para o optimismo ou para o pesimismo, segundo se vexa. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) revisou á alza as súas expectativas de crecemento da economía española en 2009 e 2010. Segundo os seus datos, sufrirá unha contracción do 3,6% e do 0,3% respectivamente (a proxección anterior estaba un retroceso do 4,25% este ano e un 0,9% o vindeiro). Para 2011, a institución prognostica un crecemento do PIB do 0,9%, a taxa máis débil dos países da OCDE.

Na mesma liña se pronunciou este xoves a ministra española de Economía, Elena Salgado. Augura que o vindeiro ano será "máis duro que 2009 dende o punto de vista do emprego", se ben adiantou que "o peor da crise xa pasou en termos macroeconómicos". Salgado estima que na primeira parte de 2010, o número de persoas sen emprego "seguirá medrando", mais "dun xeito máis moderado" e afirmou que non é "esaxeradamente optimista".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: