Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este sábado en Compostela

MáisBNG constitúese oficialmente como corrente

O líder da organización, Carlos Aymerich, asegurou que "axudará a simplificar a estrutura interna" do Bloque.

Redacción / EP - 09:45 21/11/2009

Este sábado constitúese oficialmente en Compostela MáisBNG. A asemblea terá lugar na Facultade de Económicas da USC. O líder da corrente e voceiro do BNG, Carlos Aymerich, defendeu MáisBNG "axudará a simplificar a estrutura interna" do Bloque ao unir "de xeito consistente persoas e colectivos que até agora estaban dispersos".

Aymerich recalcou que +BNG "non vai contra ninguén", senón que buscará "respectar o pluralismo" fundacional, outorgando un "novo impulso" á formación para acadar un "proxecto maioritario".

Carlos Aymerich converterase na asemblea constituínte en coordinador xeral (equivalente ao portavoz nacional no Bloque) e deberá saír elixido na Conferencia Nacional unha vez que a candidatura que encabece (con 15 membros) obteña o maior número de votos. De feito, MáisBNG contará cunha estrutura organizativa similar á que opera na súa formación matriz. Polo tanto, contará cunha Conferencia Nacional, que será o máximo órgano de decisión e estará composta por todos os membros de MáisBNG, de maneira que se reunirá de forma ordinaria cada dous anos e terá a misión de elixir aos 15 membros da Xunta de Coordinación Nacional e da Comisión Permanente Nacional.

A conferencia será o equivalente á Asemblea Nacional do BNG, mentres que a Xunta de Coordinación aseméllase ao Consello Nacional e estará formada por 15 membros elixidos na conferencia e os coordinadores comarcais. Pola súa banda, a Comisión Permanente correspóndese coa Executiva e estará integrada polos mesmos 15 membros elixidos na conferencia.

Candidatura de Aymerich
Para a súa candidatura, Aymerich contará coa ex conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, e os membros da dirección nacionalista que pertencen á súa corrente -Ana Luísa Bouza, Manuel Antelo, Xoán Carlos Bascuas, María Méndez e Gonzalo Constenla-. Así mesmo, o ex portavoz nacional da formación e ex-vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, estará na Conferencia Nacional (que se corresponde co Consello do Bloque) para "traballar polo proxecto" xunto con todos os integrantes da corrente.

Nas teses que someterá a debate BNG hoxe, esta corrente constata que "a pesar de estar definido como unha fronte", o BNG "funcionou en gran medida mediante a aplicación da hexemonía dun grupo sobre un conxunto", en referencia velada á UPG, que segue ostentando o maior número de membros na Executiva do Bloque -tras incorporar nas súas listas un integrante de Movemento Galego ao Socialismo- e no Consello Nacional.

"MáisBNG non pretende substituír unha hexemonía por outra diferente. Pola contra, aspiramos a que todos gocen dos mesmos dereitos, deberes e posibilidades", recolle o relatorio político desta corrente, que recalca que "o respecto á pluralidade é e debe ser unha dos sinais de identidade".

Con todo, advirte de que esta característica non debe impedir que a sociedade perciba o Bloque como un "proxecto político" único, para o que é "imprescindible dotalo dun programa político común". Acerca deste punto, os seguidores deste movemento ven como unha "carencia" o feito de que "até agora, a elaboración ideolóxica e programática do BNG non foi común a todos os sectores, nin moito menos completa".

Principios
Un dos principios que sustenta esta corrente é a necesidade de "alargar a adhesión social a un proxecto nacional para Galicia", de maneira que aposta por "aspirar a que a maioría da cidadanía galega" apoie o "proxecto nacionalista". Recolle que a lingua galega supón un "instrumento tremendamente útil para o futuro" e recupera o ideario do Partido Galeguista e da Xeración Nós para concibir "Galiza como célula de universalidade que ten a Europa como primeiro chanzo".

Neste sentido, recalca que é necesario "superar as estruturas dos estados tradicionais" e que, por iso, apoia a "democratización e fortalecemento das institucións europeas". Agora ben, matiza que a súa visión de Europa "está moi lonxe do actual proxecto da Unión Europea". MáisBNG confirma a súa vocación de que o BNG se converta en organización de masas "na casa común de nacionalistas e galeguistas que, desde unha perspectiva plural e de esquerda democrática e transformadora, aspiran a construír unha Galiza máis libre e máis xusta".

Horario

A asemblea comeza ás 10:15 coa aprobación do Regulamento por parte do plenario, a constitución da mesa e o discurso de benvida. Despois da votacións de emendas aos relatorios político e de organización, presentaranse as listas e procederase á votación. Está previsto que a primeira hora da tarde se nomeen os membros do Consello Nacional e o Coordinador ou Coordinadora Nacional, que pronunciará o seu discurso.


4,09/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: