Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPOIS DO GOLPE DE ESTADO

En Honduras, confusión e dúbidas sobre a legalidade

Cun ambiente de tensión e división, os hondureños votan este domingo ao seu futuro presidente, nuns comicios organizados baixo o goberno de facto.

Redacción - 12:45 29/11/2009
Un neno ante a bandeira de Honduras, nun acto de simpatizantes de Zelaya

Un neno ante a bandeira de Honduras, nun acto de simpatizantes de Zelaya

Cun tenso ambiente social e político, 4,6 millóns de hondureños están convocados este domingo ás urnas nunhas eleccións xerais adiantadas nas que se buscará unha saída a cinco meses de crise política, logo do golpe de estado que provocou o derrocamento do presidente Manuel Zelaya. Os comicios dividen á poboación e á comunidade internacional, que se debate entre recoñecer a súa legalidade ou rexeitar os resultados ao tratarse dun proceso convocado por un goberno de facto, que non foi recoñecido pola maioría dos países da zona.

Candidatos
Se ben son catro as persoas que se postulan para dirixir o país, só dous dos aspirantes, que proceden dos dous únicos partidos que gobernaron Honduras dende que se restaurou a democracia (1982) teñen serias posibilidades de gañar: Porfirio Lobo (do opositor Partido Nacional) e Elvin Santos (do gobernante Partido Liberal).

Porfirio Lobo perfílase como o máis probábel gañador das eleccións, xa que as enquisas e sondaxes de opinión lle outorgan un 37% dos votos. É a segunda vez que se presenta como candidato, logo de que en 2005 perdese ante Manuel Zelaya. O seu principal compromiso durante a rápida campaña foi a de promover a seguridade e rematar coa delincuencia mediante o fortalecemento das forzas de seguridade e do sistema xudicial.

Elvin Santos representa ao Partido Liberal, o mesmo ao que pertencen Zelaya e Micheletti. Renunciou en 2008 á vicepresidencia para presentarse como candidato e, en todo momento, expresou a súa confianza na posibilidade do triunfo. Conseguiu este posto de aspirante á presidencia logo de vencer nas eleccións internas do ano pasado a Micheletti, cando era xefe do Congreso. Esta situación, e logo o golpe de estado, puxo en evidencia a división interna do seu partido.

Outros candidatos con poucas posibilidades de vitoria son: Bernard Martínez, do Partido Innovación e Unidade (PINU-SD), considerado o "Obama de Honduras", por ser o primeiro descendente de africanos en presentarse como candidato presidencial; Felícito Ávila Ordóñez, do Partido Democracia Cristiana (DC), líder obrero que mantivo unha participación importante na solución das crises laborais do país; e Carlos Humberto Reyes, un perito mercantil independente que decidiu participar nas eleccións para cederlle o seu lugar ao deposto Zelaya no caso de gañar.

Legalidade internacional
Os dous principais candidatos, Lobo e Santos, agardan que o mundo recoñeza os resultados do proceso para rematar coa inestabilidade dos últimos meses. Con todo, a división é a tónica dominante en Honduras, onde un 50% da cidadanía rexeita esta contenda electoral, principalmente os seguidores do deposto Manuel Zelaya, quen dende setembro está refuxiado na embaixada de Brasil.

Os comicios contarán co respaldo internacional de Estados Unidos, Panamá e Perú, os únicos que declararon abertamente o seu apoio ás eleccións, en contra da postura adoptada po Venezuela, Brasil, Arxentina, Paraguai, Bolivia, Ecuador, Cuba, Guatemala, Nicaragua e a República Dominicana. Outros países están a agardar o desenvolvemento da xornada para pronunciárense.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A tensión é a división serán determinantes nos comicios electorais de Honduras
A tensión é a división serán determinantes nos comicios electorais de Honduras
Elvin Santos (do gobernante Partido Liberal) e Porfirio Lobo (do opositor Partido Nacional) son os candidatos con máis opcións
Elvin Santos (do gobernante Partido Liberal) e Porfirio Lobo (do opositor Partido Nacional) son os candidatos con máis opcións