Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Opción "viábel técnica e financeiramente"

A Xunta só apoiará unha fusión de Caixa Galicia e Caixanova

Logo das xuntanzas con empresariado, sindicatos e oposición, o Goberno rexeita SIP e fusións con entidades foráneas. A posición oficial da Xunta: fusión "equilibrada, igualitaria e paritaria" entre as dúas caixas galegas.

Redacción - 13:05 02/12/2009

Atendendo ao compromiso consensuado entre as forzas políticas e axentes socioeconómicos de pular por unha solución baseada na "solvencia e galeguidade" do proxecto, a Xunta anunciou este mércores a súa beizón a unha fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. "É a opción que máis concorda con esas premisas", explicou en conferencia de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Deste xeito, a única alternativa apoiada polo Goberno neste proceso será a "unión por fusión" entre as dúas entidades galegas. Unha fusión que, subliñou Núñez Feijoo, haberá de ser "equilibrada, igualitaria, paritaria e responsábel". Insistiu o presidente en que se trata dunha posibilidade "viábel" técnica, económica e financeiramente. Deste xeito, aclarou Feijoo que a Xunta "desestima a fusión con entidades alleas" e do mesmo xeito o modelo de Sistema Institucional de Protección (SIP) con caixas foráneas.

Ao tempo, laiouse o líder do executivo de que non fose posíbel "até o de agora" que Caixa Galicia e Caixanova lograsen un punto de encontro nunha "única vontade, estratexia e informe" por propia iniciativa. Con todo, dixo agardar que as entidades sexan quen de acordar un proxecto "común e compartido" e insistiu na necesidade do acordo das dúas partes, instándoas a actuaren nun escenario de "obxectividade". Debullou Feijoo que se trata dunha posición baseada nun traballo previo "rigoroso, intenso, responsábel, prudente e independente" que incluíu contactos coas entidades e co propio Banco de España para coñecer o detalle da situación das caixas.

Como chanzo seguinte cara a ese camiño da unión "por fusión" e co obxectivo de "blindar" as garantías de solvencia da entidade resultante, Feijoo referiuse tamén aos chanzos seguintes. Así, como prioridade destacou o impulso de cadansúa auditoría en profundidade en cada unha das dúas caixas para determinar "a solvencia dunha caixa galega unida, fusionada". O presidente da Xunta destacou o consenso entre os diversos actores consultados neste proceso acerca da necesidade desta fusión como mellor alternativa para o país. Así, referiuse por exemplo aos sindicatos, asegurando que á luz dos datos consultados até o de agora, a nova caixa non realizaría despidos e a fusión resolveríase só con xubilacións anticipadas. Por outro lado, salientou a convicción maioritaria entre o empresariado de que a fusión é "a alternativa máis duradeira". "É unha alternativa que só responde a un interese: Galiza", concluíu Feijoo.

Alianza estratéxica entre Goberno e oposición
A seguir da comparecencia de Alberto Núñez Feijoo, tanto Manuel Vázquez (PSdeG) como Guillerme Vázquez (BNG) tomaron a voz para referendar a súa unanimidade na defensa da fusión das caixas galegas.

En primeiro lugar, o portavoz nacional do BNG subliñou o apoio da forza que representa ao modelo de fusión, "que non ten porque significar absorción", dixo, cunha finalidade explícita de "estar ao servizo da economía produtiva do país". "Apoiamos a folla de ruta do presidente Núñez Feijoo" asegurou, "e esperamos que use naturalmente o seu dereito a veto das fusións externas ou SIP's".

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG manifestou a súa satisfacción "porque hoxe despexamos tres incógnitas", entre as que nomeou: "o compromiso do Goberno de bloquear as SIP's exteriores; a necesidade de coñecer unha cuarta opinión externa (en referencia á auditoría), que permitirá coñecer con exactitude a solvencia das caixas; e que o executivo aposta por unha proposta de alianzas". Nesa liña, felicitouse porque "hoxe estamos mellor ca onte" e adiantou que o feito de contar con máis datos, analizados por un organismo independente, "será unha mellor garantía para todos, para as caixas e para todos os galegos".


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: