Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cimeira de Copenhaguen sobre o Cambio Climático

O goberno dos EUA poderá regular o índice de emisións de gases á atmosfera

Por outra banda, Verdegaia critica que a actual Xunta anulou o plan aprobado polo bipartito para reducilas e aínda non presentou un alternativo.

Redacción / Axencias - 12:30 08/12/2009
A cimeira comezou este luns

A cimeira comezou este luns

A Axencia de Protección Ambiental (EPA, nas súas siglas en inglés) dos EUA determinou este luns que os gases de efecto invernadoiro "son prexudiciais para a saúde humana", permitindo así a regulación do nivel de emisións sen que para iso sexa necesaria a aprobación do Senado.

"Isto é moi significativo no sentido de que se o Senado non aproba a lexislación (sobre emisións) a administración terá a autoridade para regular", valorou o secretario executivo da Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático, Yvo de Boer, en declaracións ao comezo da Cimeira de Copenhaguen.

Cómpre lembrar que na actualidade a proposta estadounidense de redución de emisións continúa paralizada na Cámara Alta. Estados Unidos é o segundo maior emisor deste tipo de gases logo de China, e o primeiro proporcionalmente ao seu número de habitantes.

"Son grandes noticias que mostran que a Administración está comprometida a respectar a Lei do Aire Limpo e a tratar o cambio climático", dixo Keya Chatterjee, da ONG World Wildlife Fund (WWF).

Negociacións en Copenhaguen

As negociacións de Copenhaguen comezaron este luns co discurso do primeiro ministro danés, Lars Lokke Rasmussen, para quen a concreción dun acordo está ao alcance dos mandatarios internacionais. Na súa opinión, a presenza de 110 líderes no evento supón "unha oportunidade que o mundo non se pode permitir perder".

O presidente estadounidense, Barack Obama, aspira a reducir para 2020 nun 3% o índice de emisións respecto dos valores de 1990, mais moitos países en vías de desenvolvemento pretenden que asuma uns obxectivos máis ambiciosos.

Tanto políticos como científicos sinalaron a necesidade de reservar miles de millóns de dólares para axuda e tecnoloxía coa que axudar este últimos a limitar as súas emisións.

O presidente do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU, Rajendra Pachauri, manifestou que se deben tomar medidas para evitar catástrofes nucleares e o posíbel desxeo de Grenlandia.

Posición da UE
A UE anunciou que podería modificar á alza as súas propostas de redución de emisións se EUA finalmente incrementa as súas axudas aos países en desenvolvemento nesta cuestión, sobre todo aos programas contra a deforestación.

"Polo momento non vimos un liderado real" dos países centrais, sinalou Ibrahim Mirghani Ibrahim en nome do Grupo de 77 e China, organización formada por países en vías de desenvolvemento.

Dessima Williams, embaixadora na ONU de Granada -illa directamente ameazada polas previsións de suba do nivel do mar-, matizou que este grupo "non aceptará unha solución feita para a televisión".

Aumento das emisións en Galiza
Por outra banda, a asociación ecoloxista Verdegaia denunciou nun comunicado que as emisións de CO2 procedentes de combustíbeis fósiles aumentaron un 24,8 % en Galiza entre 1990 e 2007, mentre que, pola contra, os Estados desenvolvidos que ratificaron o protocolo de Quioto diminuíron as súas emisións arredor dun 9,4% no mesmo período.

As emisións de CO2 procedentes de combustíbeis fósiles aumentaron en todos os sectores e, no transporte, duplicáronse, "o que evidencia a forte insustentabilidade do noso modelo territorial e de transporte". Ademais, tamén apuntan a presenza de dous grandes centrais térmicas de carbón, a de Endesa nas Pontes e a de Gas Natural-Unión-Fenosa en Meirama como causantes do aumento.

Finalmente, denuncian que o actual Goberno anulou o plan aprobado polo anterior para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e aínda non presentou un alternativo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un cubo, flotando no lago St. Jorgens de Copenhaguen, mostra a cantidade de CO2 que pode producir unha persoa nun mes
Un cubo, flotando no lago St. Jorgens de Copenhaguen, mostra a cantidade de CO2 que pode producir unha persoa nun mes
Toneladas de CO2 emitidas en Galiza, procedentes dos combustíbeis fósiles / Fonte: Verdegaia (clique para ampliar)
Toneladas de CO2 emitidas en Galiza, procedentes dos combustíbeis fósiles / Fonte: Verdegaia (clique para ampliar)