Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
DOUS MESES DESPOIS

Feijoo non se reunirá con Queremos Galego

A plataforma deu a coñecer unha carta na que o presidente da Xunta rexeita unha entrevista cos responsábeis do colectivo.

Redacción - 17:30 14/12/2009

Cando se cumpren dous meses da histórica mobilización que levou ás rúas compostelás a ducias de milleiros de persoas en defensa da lingua galega, a plataforma convocante, Queremos Galego, segue sen ser recibida pola Xunta de Galiza. Aínda máis, a organización denuncia que "nunha carta enviada como resposta á solicitude de entrevista, o presidente do Executivo rexeita reunirse" explicitamente cos responsábeis deste colectivo, que conta "co apoio de 600 entidades".

Queremos Galego lamenta o "desdén" do máximo dirixente galego, "que non quere nin escoitar a quen pide o cumprimento da lei e dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos". Ademais, entenden a negativa de Núñez Feijoo como parte dunha "liña de profunda arrogancia e prepotencia contra o idioma propio do país".

No pasado mes de outubro, o secretario xeral de Política Lingüística asegurou ante os medios de comunicación que convidaría aos responsábeis da plataforma cidadá a manter unha reunión para "debater as accións da Xunta" respecto ao galego. Con todo, xa daquela Queremos Galego asegurara non recibir comunicación oficial algunha, un extremo que nunca chegou a producirse.

A maiores, dende este colectivo aseguran que agora "quedan ao descuberto as mentiras de Anxo Lorenzo, quen negara en varias comparecencias que esta plataforma se puxese en contacto co Goberno". Pola contra, a misiva que agora remitiu o presidente da Xunta a Queremos Galego na que rexeita unha xuntanza demostra que a petición formal si estaba feita. Nesta carta, Feijoo insta aos responsábeis do colectivo a entrevistárense con Lorenzo, como responsábel da cuestión lingüística, un convite que para a plataforma non é máis que "un puro xesto para a galería", xa que consideran ao secretario de Política Lingüística unha persoa "sen capacidade de decisión nin incidencia".

Máis accións
Doutra banda, recordan que "se a Xunta non recúa na súa intención de diminuír a presenza do galego no ensino", convocarán un paro xeral "que ten todos os visos de se converter en histórico". Así, reiteran que convocarán unha mobilización xeral en toda a comunidade educativa en canto se avance na intención do Goberno de derrogar o actual decreto do galego.

Ademais, esta fin de semana uns 150 coches sumáronse a unha marcha en auto-caravana pola Mariña Luguesa en denuncia da "operación de xenocidio lingüístico que leva adiante o Goberno de Feijoo". Os coches percorreron a estrada costeira, dende Ribadeo e Viveiro, para confluír en Burela, a ritmo lento e facendo públicas as súas reivindicacións.


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: