Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mesa sectorial

Os sindicatos alertan de que o máster de profesorado será "dos máis caros" do Estado e que a Xunta "se desentende"

Ven perigar o pagamento aos titores, que correrá a cargo das universidades e recordan que o profesorado "depende" de Educación.

Redacción - 13:15 19/12/2009
O máster substitúe o CAP

O máster substitúe o CAP

Os sindicatos educativos alertaron este venres de que o máster en profesorado -que substitúe o CAP- será "dos máis caros" do Estado, xa que "antes custaba 200 euros e agora máis de mil", e criticaron o "desentendemento total e absoluto" por parte da Consellaría de Educación ao "deixar todo definido" para que as universidades fagan o que queiran".

Ao finalizar a mesa sectorial, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, engadiu que os centros privados e concertados tamén poderán participar na formación práctica do máster, o que considerou "moi preocupante" ao tratarse de universidades públicas.

Neste senso, criticou que a Xunta delegue este traballo no Sistema Universitario de Galicia (SUG) "para non asumir responsabilidades e non tomar decisións", para despois incidir en que o profesorado destes centros "depende da Consellaría".

Pola súa banda, o voceiro de CC.OO-Ensino Xosé Fuentes criticou que, coa normativa de acreditación para centros e titores que estean interesados en acollerse ao 'Practicum' do novo máster, serán as universidades "as que decidan os centros" para realizar a formación práctica mentres a Xunta "se desentende do problema".

Así mesmo, recordou que os docentes que se encarguen das titorías do máster necesitarán "dunha gratificación horaria" para desempeñar o seu traballo "con calidade" e unha compensación económica que considerou que está perigo, a raíz das críticas mostradas desde o SUG -de que a responsabilidade debe asumila a Xunta. "O que fan é dicir que as universidades decidirán que centros collen e que, a partir de aí, que os titores se entenderán con elas", denunciou.

Desde o STEG tamén mostraron a súa "preocupación" polo pagamento ao profesorado "xa que pode ser fonte de conflito nos centro ao ser escollidos desde as universidades sen criterios coñecidos e encarece o máster". Neste senso, prefiren "que se recoñeza con certificación e redución horaria".

Finalmente, os sindicatos denunciaron que a mesa sectorial "non está a funcionar como debe", ao convocarse "só cando hai algo moi concreto que lle interesa á Administración", ademais de lamentar que "non hai un calendario de temas a tratar".

Criterios
A Consellaría de Educación explicou, nun comunicado, que tanto os centros como os titores que se encarguen da formación práctica do máster de profesorado -que comezará a ser impartido en xaneiro- seguirán as directrices da Orde do Máster ECI/2858/2007 do Ministerio de Educación.

Así, a conexión entre titores -terán un máximo de tres alumnos ao seu cargo- e universidades serán "responsabilidade dos coordinadores de prácticas"; as universidades "serán as responsábeis do pagamento aos titores e coordinadores"; e estes, á súa vez, recibirán unha certificación que validará o traballo realizado.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: