Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Concedidos pola Asociación Galega de Editores (AGE)

Entregados os Premios da Edición 09

Os galardoados foron Alberto Lema, Alonso Montero, Rosa Aneiros, Millán Picouto, Fran Alonso, Eva Almazán, Gabriel Pacheco e as Fotobiografías sonoras de Ouvirmos.

Redacción - 14:15 20/12/2009

O gremio editorial galego celebrou este sábado á noite en Ourense a V Noite da Edición de Galiza, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores (AGE) reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa produción e a súa edición. No acto entregáronse os Premios da Edición 2009, concedidos polos propios editores.

O evento está patrocinado polo Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e tivo lugar no Liceo de Ourense. Nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, da cultura e da política do país.

Estivo presidido por Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, e contou coa presenza dos conselleiros de Cultura, Roberto Varela, e de Educación, Xesús Vázquez; do alcalde da cidade, Francisco Rodríguez; do presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar; e do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López.

Nesta V Noite da Edición, conducida polo xornalista Camilo Franco, foi homenaxeada no apartado da Edición Histórica a editorial Nova Galicia Edicións, que conta un cuarto de século de vida. Tamén se recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional do escritor Marcos Valcárcel.

PREMIADOS

O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu na empresa de telecomunicacións R pola promoción da lingua galega na súa comunicación.

Tralas votacións dos membros do xurado composto por editores, escritores, ilustradores e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das categorías contempladas nos Premios da Edición 2009:

Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción
do ano para a obra Sidecar, de Alberto Lema (Galaxia).

Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción
do 2009 para Cartas de republicanos galegos, de Xesús Alonso Montero (Xerais).

Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro
do ano 2009 para Ciclo de Xúpiter, de Millán Picouto (Ediciones Linteo).

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil
para A araña e máis eu, de Fran Alonso (Kalandraka Editora).

Premio Lois Tobío ao Libro traducido
do 2009 para Contos completos de Allan Poe, traducidos por Eva Almazán (Editorial Galaxia).

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado
do ano para A grande viaxe, de Gabriel Pacheco (OQO Editora).

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora
do ano para Rosa Aneiros.

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial
do 2009 co que se pretende recoñecer as editoriais que teñan destacado en novos proxectos de carácter renovador para as Fotobiografías sonoras de Ouvirmos.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As Fotobiografías sonoras de Ouvirmos levaron o Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial
As Fotobiografías sonoras de Ouvirmos levaron o Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial