Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Dirixida por Otegi a outro preso

A filtración dunha carta confirma o traballo da esquerda abertzale a prol da "vía política"

O goberno vasco quítalle importancia á misiva, mais desde o propio PSE, o rexedor donostiarra critica o encarceramento de Otegi e ve con optimismo o movemento.

Redacción - 11:00 23/12/2009

O debate reavivouno este martes en Euskadi a filtración que desde as páxinas de Deia se facía da carta enviada por Arnaldo Otegi, desde o centro penitenciario madrileño de Soto del Real, a outro preso no cárcere aragonés de Zuera. "Otegi reivindica a política desde o cárcere", titulaba o Deia, interpretando que o propio mecanismo utilizado polo líder de Batasuna para esta comunicación facía entender a súa vontade de sacar ao público parte do debate entre o sector da esquerda abertzale que presiona para a fin da ETA e sectores máis ortodoxos "que seguen apostando pola dobre vía político-militar", analiza o xornal vasco. Deia faise así eco tamén do debate que a pé de rúa está aberto entre as bases da esquerda abertzale, nucleado arredor do documento Estrategiaren argipena no primeiro dos casos, máis enfrontado agora diante do chamado relatorio Mugarri, que atrincheira ao sector máis proclive á continuación da "loita armada".

"Nun momento chega incluso a afirmar que o que non está con Altsasu, ou non está nos seus cabais ou traballa para o inimigo", recolle ao respecto dese conflito interno a reportaxe de Deia arredor da suposta misiva de Otegi. Xustamente, o feito de que non se publique na súa totalidade e de que se fíe a análise a partir de pequenos extractos é froito das críticas este mércores desde outras tribunas mediáticas. Así por exemplo, Gara publica nesta xornada o editorial titulado O que di Arnaldo Otegi, onde expresa o seu desacordo co tratamento informativo sobre esa carta en concreto e sobre recentes informacións relativas aos movementos da esquerda abertzale para consolidar a aposta pola vía política. "(...) aqueles que crean que o que pensa Arnaldo Otegi é relevante para a política vasca o primeiro que deben facer é pedir a súa inmediata excarcelación", expón o editorial.

Por outro lado, as informacións recentes ao respecto do debate na esquerda abertzale son vistas de xeito diferente desde o contorno do actual executivo vasco, liderado polo socialista Patxi López. A posición oficial, expresada pola voceira do seu gabinete, Idoia Mendia, quítalle importancia á citada carta e asegura que "non achega nada novo, é unha repetición de moitas cousas que oímos no pasado". Mais diferente postura expresa o alcalde de Donostia, o socialista Odón Elorza, quen xa ten criticado anteriormente o encarceramento de Otegi. Para Elorza, debera alentarse "calquera esforzo que estea baseado en argumentos sólidos e en movementos que dean credibilidade desde ese mundo para que a ETA desapareza".


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: