Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Menos emisións de CO2

A Xunta pretende subvencionar a compra de 600 novos vehículos 'limpos'

Axudas de até sete mil euros para automóbiles eléctricos, híbridos ou de combustión de hidróxeno, gas licuado ou baterías de combustíbel.

Redacción - 16:57 28/12/2009

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) anunciou que concederá axudas de até sete mil euros para a compra de vehículos híbridos, eléctricos puros, de combustión de hidróxeno ou de baterías de combustíbel. O organismo dependente da Consellaría de Economía tamén vai subvencionar que se adapten vehículos para usar gases licuados do petróleo.O director do Inega, Eliseo Diéguez, confiou en que 45 concesionarios e talleres se unan ao plan, ao que se destinará medio millón de euros, e preveu xerar un investimento asociado de 3,4 millóns de euros, a venda de 210 vehículos híbridos e 40 adaptacións ao uso de gas.

O importe das axudas dependerá do tipo de turismo. No caso dos semihíbridos, a subvención será de até dous mil euros, que ascenderá ao 2.300 euros para turismos híbridos. No caso das compras de novos automóbiles e a súa adaptación ao uso de gas licuado en menos de tres meses, a axuda acadará os dous mil euros. Tamén se subvencionarán as motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou de batería de combustíbel, até 750 euros.

Os concesionarios e talleres autorizados poderanse adherir ao programa dende o 29 de decembro até o 30 de setembro a través da web do Inega. As axudas materializaranse a partir do 1 de febreiro e até o 30 de setembro ou cando se esgoten os fondos.

Segundo a Xunta, actualmente circulan 400 vehículos eficientes polas estradas do país, despois de que o mesmo programa, posto en marcha polo Goberno anterior, facilitase a compra de 93 automóbiles en 2007, 296 en 2008 e 233 en 2009. O obxectivo é superar en 2010 os 600 vehículos 'limpos', que evitarían emitir á atmosfera 48 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e reducir en 160,4 as toneladas de dióxido de carbono emitidas.

Tamén se prevé que en xuño de 2011 comecen a circular os primeiros vehículos eléctricos fabricados en Galiza. O Inega subvenciona, ademais, a implantación de estacións de recarga para os vehículos eléctricos.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: