Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta fai público o borrador do decreto

A cota do galego baixa ao 33% e os pais deciden en que materias se usa

O novo decreto sobre o galego no ensino estabelece que os pais voten en que lingua queren as aulas de Infantil. En Primaria e Secundaria nais e pais elixirán a lingua para cada materia co límite dun terzo para galego, castelán e inglés.

Redacción - 21:50 30/12/2009

Ao Goberno case lle dan as uvas antes de presentar o decreto de linguas para o ensino non universitario. O presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, fixo pública a súa proposta perto das oito da tarde. Na tribuna da sala de prensa, á súa dereita, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Sentado entre os xornalistas, nun segundo plano, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

As intencións do executivo xa son públicas. Dende había semanas as filtracións falaban dun modelo de “tres terzos” (galego, castelán e inglés) e así é o modelo que se presentou este mércores. Porén, a principal e substantiva sorpresa foi a participación dos pais na elección do idioma para cada materia. E aí, tanto presidente coma conselleiro fixeron especial fincapé: “Por primeira vez dáselle voz ás familias para que inflúan coa súa opinión”.

Pero como e que decidirán os pais?

Os pais decidirán en votación cal vai ser o modelo lingüístico do centro escolar. Iso farase no momento de formalizar a matrícula. No Ensino Infantil a consulta será anual mentres que no resto dos niveis a elección terá lugar cada catro anos.

-Ensino Infantil (0-5 anos): Os pais decidirán cal será a lingua vehicular nas aulas.

-Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato: As familias escollerán o idioma das materias na proporción dos terzos.  No caso de Primaria, Matemáticas e Sociais non poderán ser as dúas impartidas no mesmo idioma (unha terá que ser obrigatoriamente en galego e outra en castelán).

-FP: Cada centro garantirá “a igualdade de competencia nas dúas linguas oficiais”

Que pasa cando non hai profesores con competencia suficiente en inglés?

En caso de que os centros non poidan ofertar un terzo das materias en inglés, os consellos escolares elixirán as materias dese cupo de xeito proporcional entre galego e castelán.

“Pasamos dun modelo monolingüe a un trilingüe”

Feijoo levaba estudada a intervención diante dos medios. O presidente fixo fincapé na idea de que fronte a “imposición” o novo decreto pretende levar a “normalidade da rúa” ás aulas. Para el, o decreto logra a cadratura do círculo e pode ser un modelo a moi longo prazo.  Segundo Feijoo, a proposta do Goberno ofrece catro “garantías esenciais”: “equilibrio total entre galego e castelán e introdución dunha terceira lingua”; que os alumnos se poidan expresar nas aulas en calquera das dúas linguas oficiais; que os pais teñan capacidade de decisión; mesma competencia entre galego e castelán ao remate de cada etapa.

Pola súa parte, Vázquez insistiu en que para elaborar o borrador do decreto tívose moi en conta a consulta que impulsou hai meses Educación. Como novidade adiantou que se establezerán mecanismos para que os pais e nais do alumnado participen nas actividades dos equipos de normalización de cada centro.

Tempo de consulta

F
eijoo reiterou que nas vindeiras horas váiselle remitir o borrador ás forzas políticas con presenza no Parlamento, á Real Academia e ao Consello da Cultura. Segundo el, é hora dun esforzo para evitar situacións de conflito e lograr “un decreto de todos”.


3,72/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: