Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comunicado conxunto das tres universidades

Os reitores cargan contra Educación por xustificar os recortes con falsidades

Lembran que o sistema universitario galego é dos peor financiados do Estado e acusan a consellaría de irresponsabilidade e de espallar datos erróneos e confusos.

Redacción - 10:30 31/12/2009

"A nota feita pública pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria representa, na nosa opinión, a antítese do que debe ser un modelo de traballo e de responsabilidade a nivel universitario". Con diplomacia pero contundencia os reitores das tres universidades do país responden así ao comunicado previo da consellaría ao respecto do financiamento universitario. Deste xeito, os máximos responsábeis das tres institucións asinan un texto conxunto onde censuran as "afirmacións erróneas e confusas" da devandita nota da consellaría.

"A Xunta ten toda a lexitimidade para facer os recortes orzamentarios que considere oportunos, pero debe asumir con claridade as consecuencias desas decisións", advirten os reitores, subliñando a estreita correlación entre financiamento e calidade. "Non lle podemos pedir ás universidades máis e mellor formación, a súa internacionalización, a creación de novo coñecemento, desenvolvemento tecnolóxico e a súa transferencia, máis patentes, máis emprendemento... e ao mesmo tempo reducir o seu financiamento", repróchanlle á consellaría. "Isto é confundir", denuncian, "todos estes obxectivos necesitan máis recursos; e temos que dicilo con claridade ou enganamos á sociedade".

"Ignorar ou desatender sen máis as necesidades das universidades leva sen remisión a debilitar a súa eficacia como institucións imprescindíbeis e centrais nunha sociedade que aspira a ter unha maior calidade de vida e a situarse nas economías baseadas no coñecemento", expoñen os reitores. Por último, destacan que a cidadanía "debería esixir" dos seus gobernantes un esforzo a prol do diálogo e a cooperación, máis aínda na actual conxuntura económica, "para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida".


Ligazóns

4,76/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: