Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ás portas do congreso provincial

Baltar gaña cancha na loita a cara de can polo PPdeG ourensán

O prognóstico é de ampla vitoria para o vicepresidente parlamentario, mais o alcalde verinés confía en que a "votación secreta" vire a situación.

Redacción - 11:20 04/01/2010

Á luz da imaxe vista a pasada fin de semana en Ourense, baixo o abrigo da candidatura de Xosé Manuel Baltar Blanco, pouca dúbida habería nesta altura de que o deputado ourensán, vicepresidente parlamentaria e fillo do presidente da Deputación provincial, vai ser o gran triunfador da cita congresual deste mes. Até 85 de 92 alcaldes e voceiros municipais da provincia de Ourense acudiron á chamada do candidato para retratárense á súa beira.

De paso, subscribiron o chamado Manifesto de Santa Cruz de Arrabaldo, un documento de inspiración "ourensanista" co que subliñarían o seu apoio á candidatura de Baltar. Un texto onde se deixan ver refachos da carta coa que, á volta dos últimos comicios, o mesmo sector do partido criticaba a presunta discriminación da familia popular ourensá dos espazos de poder do novo executivo deseñado por Alberto Núñez Feijoo. O deputado Rosendo Fernández foi o encargado de darlle lectura pública a este manifesto. Na foto apenas se botaba a faltar a representación do PP dos municipios de Arnoia, Leiro ou Avión, alén da do propio concello verinés, gobernado polo rival de Baltar nesta loita. "Momento histórico", "orgullo ourensán", "PP máis forte e ambicioso", foron algunhas das expresións escoitadas nesta cita.

Pola súa banda, o rexedor de Verín, Juan Jiménez Morán, continuou estes días a súa campaña para a dirección do PP ourensán afirmando ter percorrido xa tres mil quilómetros ao longo de toda a provincia e insistindo na "boa acollida" da súa mensaxe. Fronte ao pulso público esgrimido por Baltar con manifesto e foto, volve Morán a insinuar críticas diante das supostas presións á militancia. "Malia a presión que existe para apoiar a candidatura de Xosé Manuel Baltar, confío en que os militantes exerzan o voto de maneira libre e que o resultado sexa máis que aceptable dentro de catro semanas", advirte, apelando á votación secreta que decidirá o presidente do PpdeG da provincia de Ourense. Asegura Morán que tamén confía na súa "campaña de proximidade" e no contacto directo coa militancia, a través do que, indica, agarda facer ver a súa aposta por un partido "participativo". "No contacto directo está a base do éxito desta candidatura", prognostica.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: