Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FOLGA XERAL NO ENSINO

"O decretazo contra o galego, ímolo parar"

Queremos Galego organiza unha histórica manifestación en Compostela para a que partirán autobuses de todas as comarcas do país.

Redacción - 14:00 11/01/2010


Será o vindeiro xoves 21 de xaneiro. Queremos Galego está a organizar a anunciada manifestación contra o decreto de linguas no ensino non universitario e vaticinan unha xornada histórica. Apuntan a este resultado as adhesións que recibiron até o de agora: "o rexeitamento a esta formulación lingüística é practicamente unánime", subliña Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización (MNL), "no ámbito educativo só as organizacións máis directamente vencelladas ao PP aceptan o decreto".

Nos vindeiros días, os diferentes colectivos integrados en Queremos Galego traballarán nunha ambiciosa campaña de concienciación que terá a pretensión de chegar a todos os centros educativos do país. Así, organizarán actos informativos aos que convocarán ás ANPAS, ás equipas de normalización ou ao profesorado aos que chamarán a participar nesta xornada reivindicativa. Así o subliñou Fran Rei, voceiro de Queremos Galego, quen adiantou que xa se están a repartir polos centros máis de 50 mil cartaces e máis de 75 mil folletos co lema "Paremos o decretazo contra o galego".

Con todo, dende a plataforma subliñan que esta manifestación non será exclusiva do ensino, senón que é unha convocatoria aberta na que terán cabida "todos os galegos que queiran á súa lingua". A marcha partirá da Alameda de Compostela ás 11 e media da mañá e discorrerá até San Caetano, onde se sitúan as instalacións da Xunta de Galiza. A organización porá autobuses dende diferentes puntos do país, que sairán cedo cara a Santiago.

Folga preventiva e disposición de consenso
Queremos Galego rexeita o cualificativo de "folga preventiva" que lle adicou o presidente da Xunta: "é curioso que precisamente o partido das guerras preventivas empregue estes termos", dixo Rei, "logo das diferentes agresións que sufriu o noso idioma evidentemente que articulamos unhas actuacións de resposta ante o que viña e confirmáronse os nosos peores prognósticos".

 Doutra banda, a plataforma desconfía da anunciada disposición da Xunta de Galiza de chegar a consensos no decreto final. O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, confirmou que aínda non foron chamados para reunión algunha, mais adiantou que o sindicato non se prestará "a un diálogo de pantomima que avale ningunha medida que supoña unha involución ou retroceso". Doutra banda, Carlos Callón tamén dixo dubidar da verdadeira capacidade de negociación dun Goberno que xa censurou declaracións contrarias ao decreto como a do secretario do Consello da Cultura Galega (CCG), Henrique Monteagudo, e que cualifica de extremistas a todos aqueles que se manifestan en contra.

Finalmente, a organización tamén adiantou que levará adiante en paralelo outras actuacións de tipo legal que xa están a estudar. "Os informes xurídicos dinnos que este decreto é nulo de pleno dereito", insistiu Callón, "polo que esgotaremos todas as vías legais para botalo abaixo, mesmo acudindo ás vías internacionais".


4.91/5 (43 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: