Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino

O borrador do decreto segue sen concitar o reclamado "consenso"

O PPdeG é a única organización que avala a norma dos "tres terzos". En fronte, partidos da oposición, sindicatos, institucións e lingüístas.

Redacción - 18:00 13/01/2010

O borrador do decreto lingüístico para o ensino presentado pola Xunta o pasado día 30 de Nadal segue a marcar boa parte da axenda política dos partidos, así como a suscitar reaccións entre asociacións, expertos lingüísticos e institucións educativas do país.

Neste último grupo están as universidades, que esta cuarta feira a través dos seus respectivos reitores aseguraron que "queren" opinar, aínda que polo momento declinaron facer pública a súa postura até que o "pronunciamiento" sexa abordado polos órganos de goberno.

"Ningún tema importante pode ser alleo ás universidades", respondeu Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago (USC), a preguntas dos medios logo de presentar un acordo de colaboración cos seus dous homólogos da Coruña (UDC) e de Vigo (UVI). Ademais, puntualizou que recentemente se reuniron as mesas de Normalización Lingüística das universidades para opinar sobre o decreto.

Potencialidades do decreto do 50%
Os expertos na materia, os lingüistas, tamén van facendo as súas valoracións ben sexa de forma individual ou colectiva. O profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (EUA) e coordinador da obra A lingüística galega desde alén mar, Gabriel Rei-Doval, pediu tamén esta cuarta feira aos mandatarios políticos que teñan "altura de miras" e que "deixen de lado" preferencias particulares.

Neste senso, considerou que o decreto que prepara a Xunta debe "facer un esforzo moito máis intenso" respecto ao galego se o Executivo "pretende manter a igualdade das linguas", e ao ser a lingua propia do país a "que ten máis dificultades". Tamén, valorou positivamente as "potencialidades" do decreto actualmente en vigor (mínimo dun 50% das materias en galego).

Rei-Doval considerou que a lingua galega "ten que enfrontarse a forzas que condicionan a súa visibilidade" a nivel internacional, polo que "necesita un maior esforzo na súa difusión social", e salientou que esta se aprende "en máis de 30 universidades de todo o mundo", polo que cómpre defender o seu carácter universal.

Ao respecto da introdución do inglés, considerou que é "difícil de conseguir" que unha terceira parte do ensino se imparta nesta lingua, e que "o único xeito" a curto prazo sería a contratación de docentes do mercado anglo-americano. "Non hai persoal laboral formado. Hai que ter un coñecemento profundo do inglés e un hábito de ensinar nesta lingua", advertiu.

Contrario ao informe lingüístico do Consello de Europa

Por outra banda, A Mesa pola Normalización Lingüística remitiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, unha copia do informe elaborado polo Consello de Europa sobre a situación dos dereitos lingüísticos en Galiza, con especial atención ao sistema educativo.

O documento oficial do organismo europeo foi elaborado hai 13 meses, nun momento en que xa estaba en vigor o decreto do 50%. No informe, realizan unha diagnose da situación da nosa lingua así como indican medidas a adoptar polos poderes públicos para lle dar cumprimento á Carta Europea de Linguas rexionais ou minoritarias (un tratado internacional de obrigada aplicación no Estado Español).

Neste senso, A Mesa pon de manifesto que o borrador do novo decreto -o "decretazo contra o galego"- "vulnera todas e cada unha das indicacións do Consello de Europa sobre aprendizaxe lingüística no sistema educativo galego", polo que está "totalmente deslexitimado a nivel internacional" e "xustifica" a folga do 21 de xaneiro.


FORMACIÓNS POLÍTICAS PARLAMENTARIAS


E no panorama dos partidos con representación parlamentaria, o borrador do novo decreto segue a marcar boa parte da axenda política. O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, pediulle ao líder do PSdeG, Manuel Vázquez, que se sume ao "consenso" e que non conduza o seu partido "á cova lingüística do BNG", se quere ser "unha alternativa vísibel" ao Goberno.

De feito, malia espertar as críticas dos partidos da oposición, dos sindicatos e de institucións como a Real Academia Galega (RAG), Miranda insistiu en cualificar a norma como "decreto do consenso. Ao respecto, Vázquez (PSdeG) ironizou con que "o principal inimigo do galego" sexa, precisamente, o presidente da Xunta, e instouno a "retirar humildemente" o borrador e "comezar de novo".

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, xa denunciou este martes que o PP e a Xunta "atacan a lingua galega, seguindo compromisos adquiridos con sectores minoritarios e extremistas que defenden o unilingüismo en español".


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: