Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIOS NO GOBERNO?

Roberto Varela: un 'diplomático' parado na corda frouxa

Logo de que once escritores galegos asinasen un documento pedindo a súa dimisión pola súa “falta de consideración” cara á cultura do país, o conselleiro intenta rematar un mes especialmente difícil.

Redacción - 10:43 26/01/2010

Contra o que se podería pensar a priori, a Consellaría de Cultura non é un departamento fácil nin exento de polémicas. Quizais por iso, Núñez Feijoo foi buscar un funcionario do corpo diplomático. E en abril, aí estaba Roberto Varela volvendo de Nova Iorq para a súa Galiza natal, a tomar o relevo de Ánxela Bugallo.

Varela marcou territorio moi axiña. Ese mesmo mes, nunha entrevista en La Opinión de A Coruña, o novo conselleiro sinalaba que “a cultura galega está moi ben pero limita, prefiro a cultura feita dende Galiza”. Galegofalante dende o berce, Varela deixaba claro que a cultura propia non ía ser o cerne da súa política e apostaba de cheo por un “cosmopolitismo” que axiña a oposición tildou de “cosmopaletismo”.

A pesar de que o malestar entre o mundo da cultura é patente dende hai meses. Esta fin de semana, Xornal de Galicia adiantaba unha noticia que desataba o rebumbio mediático. Os once autores en lingua galega que nos últimos 25 anos recibiron o Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Cultura asinaron un documento pedindo a dimisión do conselleiro. Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Xusto Beramendi, Paco Martín, Antón Santamarina, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal argumentaban como principal motivo o escaso “coñecemento” e “falta de consideración” pola cultura que se fai en Galiza.

A mecha para esta bomba con forma de carta prendeuna o propio conselleiro hai poucos días. Na súa liña, Robero Varela cualificou a cultura galega de “ensimesmada e acomplexada” e chegou a afirmar que a maior parte dos libros que se editan no país teñen como principal comprador á propia Xunta.

As críticas súmanse ás da organización do Xacobeo
O Goberno de Feijoo centra boa parte da súa política cultural no Xacobeo. Porén, a propia Consellaría de Cultura recibiu numerosas críticas pola organzación deste evento. A contratación da campaña publicitaria “Agora é cando, Galicia é onde” (que deixaba nun segundo plano a Compostela) e a nova web (moi criticada pola súa relación calidade-prezo) trouxeron un trebón de críticas, incluso dende dentro do seu propio partido.

Segundo o xornal noticiasgalicia.com, a semana pasada aproveitando un encontro con Núñez Feijoo na Feira Interancional de Turismo de Madrid, Varela anunciou que estaba canso das críticas e que estaba disposto a dimitir. A noticia, publicada o venres, afirmaba que houbo varias testemuñas das palabras do conselleiro. Feijoo fixo como se non escoitase e seguiu o seu percorrido polo recinto feiral.


4,48/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: