Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Situación que "non debe ser esquecida"

Colectivos sociais instan o Parlamento a denunciar a ausencia de democracia en Honduras

Este mércores toma posesión o candidato vencedor das eleccións "ilexítimas" convocadas despois do golpe de Estado.

Redacción - 17:35 26/01/2010

"A forte represión por parte dos que se apropiaron de forma fraudulenta do goberno provoca que a violencia, o desemprego, a miseria, … sufridos pola maioría das persoas que loitan polos seus dereitos e pola democracia sexan habituais e non denunciadas". A alerta lánzana un grupo de organizacións sociais que unen voz para advertir do que está acontecendo en Honduras. Amarante, Acsur Las Segovias, Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas, Foro Galego de Inmigración, Fuco Buxán, Verdegaia e Wipala, asinan un comunicado conxunto onde sinalan a necesidade de que a realidade do que está a acontecer en Honduras "non sexa esquecida".

Diante desta situación reclaman que o Parlamento de Galicia demostre ante a sociedade civil "unha determinación clara contra calquera situación na que se estean a violar os dereitos humanos". De xeito concreto, remitiron un escrito aos grupos parlamentarios no que piden da Mesa do Parlamento a elaboración dunha declaración formal onde se expoña que "non se recoñece o novo mandato de Porfirio Lobo como lexítimo". Recordan que Porfirio Lobo será investido presidente este mércores 27 de xaneiro, logo dos comicios "ilexítimos" do pasado ano. Un paso co que os golpistas pretenden dar lexitimidade "a un goberno que foi elixido baixo coaccións, nun ambiente de violencia e falta de dereitos civís".


2.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: