Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PABLO GARCÍA MARTÍNEZ

“Quería escribir dunha xeración que manexa as novas tecnoloxías e, á vez, contempla o asasinato do agro”

Seis meses despois de recibir o Premio Biblos, esta semana presenta en Compostela e Arzúa a súa primeira novela: Relato dun estalido xordo.

Ramón Vilar - 09:45 28/01/2010

A literatura está de festa esta semana. Non é para menos. Pasa cada vez que un autor novo deixa a súa primeira colleita nos andeis das librarías. Nesas anda Pablo García Martínez (Arzúa, 1985), último gañador do Premio Biblos para autores menores de 25 anos. Este xoves en Compostela (ás 20 horas na libraría Couceiro) e o sábado en Arzúa (na capela da Madanela, ás 12.30) sobe á palestra para defender a súa primeira novela: 'Relato dun estalido xordo'.

Falamos con el desta viaxe iniciática, das 132 páxinas polas que desfila unha panda de rapaces en momentos temporais diferentes pero converxentes (infancia e primeira xuventude). A crónica dunha xeración criada nunha de tantas vilas do país que están ben lonxe de ser cidades. Lugares onde Son Goku ou Chayanne comparten espazo con verbenas, coches de 165 cabalos e explotacións gandeiras. Eis o retrato dun tempo de grandes cambios e dunha xeración que os vive de primeira man, sufrindo os dramas e gozando dos praceres que existen dende que o mundo é mundo.

-Como se sente un cando con 23 anos gaña o Biblos, e con apenas 24 ten a súa primeira novela nos andeis de todas as librarías do país?


-Tampouco tiña feita unha reflexión concreta. Algo de inseguridade sempre existe. Eu fago apoloxía da inseguridade como contrapunto do conformismo.  Descubrín que escribir é un exercicio de liberación. Estou contento pero coa incertidume de como vai ser recibido.

-Na entrega do premio (en xullo pasado) fixeches fincapé na necesidade de premios coma este...

-O premio Biblos vai abaixo, a onde está a xente que quere aprender e mellorar. É un traballo máis escuro ca o do resto dos premios, que ofrece ferramentas á xente que está empezando. A min axudoume a enfrontarme aos problemas da creación.

-Falando de problemas de creación, que foi o máis complicado á hora de levar a bo porto esta primeira novela?

-Aquelo de "mi cárcel y mi libertad", do tema Corazón de Neón da orquestra Mondragón, ilustra ben o que preguntas (Ri). Por un lado danche todas as facilidades pero tamén había uns límites e tiñas que moverte neles. Co titor fun pulindo a obra. Ás veces escribes cousas que che pide o corpo pero non a historia. E aí hai unha pugna. Procurei racionalizar e buscar un camiño intermedio para escoitar os consellos e manter tamén a voz propia.

-Tiveches un titor de luxo (Manuel Rivas), como é a relación entre un escritor novel e un autor consagrado?

-Unha das grandes motivacións á hora de presentarme ao concurso foi que el estivese de titor. Ao principio sentín algo de reparo porque é un escritor que admiro moito. Estivemos falando e el tiña as ideas moi claras. O seu punto de vista foi importantísimo. Díxome cousas que eu pensaba: “como non se me ocorreu antes”?

-Relato dun estalido xordo ten un escenario principal que é Amoar de Taramullos, unha especie de trasunto de calquera vila pequena de Galiza...

-A historia escribiuse soa. E despois quen lle deu coa fusta foi o Biblos (Ri). Concordo con Hugo Pratt (o autor de Corto Maltés). El di que todo o que fai é relatar cousas que lle contaron, que viviu ou que lembra o seu maxín. Situei a historia en lugares que puidese evocar e para min iso é o mundo rural galego.

-A novela retrata unha xeración de mozos que viven na cabeceira dunha comarca rural onde se mestura o mundo máis tradicional co máis globalizado. O bruar das vacas pódese escoitar nun agro a escasos metros do centro é a mesma vez a música, os medios de comunicación son os de calquera urbe...

-En boa medida eu quería escribir sobre esa realidade. Hoxe o entorno do que eu son ten acceso á maioría das tecnoloxías que manexa calquera rapaz da cidade pero, ao mesmo tempo, vemos en primeira fila o asasinato do agro.

-Na obra sorprende o final vertixinoso e tinguido dun certo realismo máxico pero ao longo de todo o libro hai, pese a momentos moi duros, un grande espazo para un humor fresco e ben logrado...


-Isto si que é máis marca do autor. Eu creo que o humor é a gasolina do vivir. Se ti estás intentando contar algo, o que desexas é tamén producir momentos agradábeis. Aínda que é certo que é unha historia con puntos de choque, a min gústame roubarlle risas á xente polo camiño. Supoño que é un defecto de fábrica meu.

-Escribes en galego pero esta novela xa ten unha tradución ao castelán dirixida ao mercado de español. Que expectativas tes a este respecto, como cre que vai ser recibida unha obra ao ser transladada a outros idiomas?

-A tradución ao castelán estará nas librarías dentro dalgunhas semanas. A novela está escrita en galego cunha versión en castelán. Supoño que será unha oportunidade de comprobar como funciona fóra do noso país. Mais a verdade é que nunca pensei como podía ser acollido.

-Que novidades hai gardadas no teu computador? Que nos podes adiantar?

- O principal descubrimento de todo o proceso de creación desta novela foi darme conta que escribir serve para ver todo dunha maneira diferente. Fas cavilacións e sempre estás pendente de acontecementos que merecen ser contados. A realidade é que agora mesmo, aínda que hai ideas, non estou escribindo nada en concreto. Non quero andar con présas. Agora toca defender o libro.


4,85/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na Casa Grande do Bachao, onde como gañador do Biblos, tivo un mes para aquelar os últimos retoques do libro
Na Casa Grande do Bachao, onde como gañador do Biblos, tivo un mes para aquelar os últimos retoques do libro