Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Raúl Francés, alcalde d'O Porriño

"Levamos seis anos e medio cambiando O Porriño, eles só falan de repartir poder"

Á porta da moción de censura coa que a dereita recuperará o goberno do municipio o vindeiro luns, conversamos co rexedor porriñés.

R. Noguerol - 13:10 28/01/2010
Raúl Francés, alcalde do Porriño

Raúl Francés, alcalde do Porriño

Como lle queda o corpo a un alcalde cando lle presentan unha moción de censura apenas a un ano da próxima cita coas urnas?
Cando iniciamos este novo camiño para O Porriño dicíannos que iamos estar quince días. Pero seis anos e medio despois vese que o noso proxecto para o Concello está consolidado. Traballamos desde o principio sen pensar na existencia desa presunta espada de Damocles, sabedores de que contabamos cun proxecto sólido e para anos. Con todo, nun cargo público sempre hai que estar preparado para saír, mais sinto que sexa deste xeito e provocado por unha equivocación grave do PP: o único que queren é o poder e van ter problemas no propio goberno e co electorado.

E segundo o ve vostede, por que non se produciu antes esta moción de censura?
Pois cambios a nivel da superficie non hai ningún. O reparto de edís é similar ao que saíu das das urnas en 2007. E en 2008 tiveron unha oportunidade perfecta para conseguir o poder: cando se presentou a moción de confianza, mais non foron capaces de ningún acordo. Iso lévame a pensar que, evidentemente, hai algo soterrado, e que diso quen máis sabe é Rafael Louzán.

No acontecido ve entón con claridade a man de Louzán (presidente da Deputación e do PP provincial)?
Louzán é un experto nesa loita submariña. E neste caso ha de haber moitos intereses persoais en xogo, e Louzán ten costume e armas suficientes que ten demostrado usar dese xeito para manexar os concellos. Contrata e reparte en función de determinados intereses e non actúa como debera facer en representación da deputación provincial.

E como foi a relación do Porriño coa Deputación de Pontevedra nestes anos?
É ben fácil de explicar: a Deputación leva seis anos e medio, desde que nós chegamos á alcaldía, sen poñer un peso no Porriño. Mesmo, poñamos por caso, o acontecido coas estradas que dependen directamente da propia deputación: vías que estaban en obras daquela seguen seis anos e medio despois aínda en obras.

Cando menos parece que a ensalada local de siglas vaise aclarar na cita municipal de 2011. A dereita promete ir toda baixo a marca do PP...

Iso é o que din, pero eu dubido de que acabe sendo así. Non creo que esa unidade chegue enteira e se manteña nese momento. Na cobiza do poder Lozán non dubidou en cercenar a cabeza de quen o obstaculizaba, e os que se senten traizoados poderían ter a intención de botar adiante outras listas independentes. Porque isto no fondo non é máis que unha unión de ambicións persoais. O PP ten unha lea ben grande aquí. Pensemos que están sentando no goberno a xente cabreada e que nin se falan entre eles.

E alén de que acaben comungando baixo as mesmas siglas, como ve o día a día da xestión dese goberno que chega?
En dous meses que veñen falando da moción de censura non falaron pola contra de proxecto algún para o Concello. Das súas reunións só se sabe que falen de como distribuír cargos e adicacións. Agoiro que será un reino de taifas, onde cada un terá a súa leira. O único proxecto común que os une é botar o BNG da alcaldía.

Algún proxecto concreto ponse en perigo con este cambio de goberno nesta altura?
O próximo 4 de febreiro remata o prazo para a presentación das iniciativas para os Fondos Estatais 2010. Con todo isto non fixeron máis que obstaculizalo e sería imposíbel que un alcalde tomara posesión o día 1 e resolvera os trámites en tres días. Tivemos que deixalo todo preparado, porque o peso orzamentario destes fondos será moi importante no vindeiro exercicio e nós actuamos coa máxima responsabilidade. Mentres, eles só falaban de como van repartir o poder. Outro exemplo de que mentres nós traballamos por cambiar un concello a mellor esta xente móvese por intereses particulares e non está pensando no municipio.

Abrollou unha mobilización social significativa no Porriño as últimas semanas diante desta moción? Traducirase dalgún xeito nas urnas?
O Porriño non ten sido sitio de grandes mobilizacións e o malestar fronte a esta moción de censura orixinou concentracións significativamente grandes. Nós pensamos que á xente gústalle o noso proxecto, que a nosa traxectoria é ben fácil de visualizar para calquera que compare a situación do Concello do Porriño hoxe coa de hai seis anos e medio. O BNG está perfectamente asentado e unha das motivacións para que esta moción chegue agora é tamén quitarnos a alcaldía no último ano e tratar de evitar que cheguemos crecidos ás urnas. Pero isto creo que terá un efecto boomerang que volverá contra eles e que en certo modo xa nos comezan a facer campaña con esta manobra. Nós estes días estamos rendendo contas diante da cidadanía e explicando como cambiaron as cousas. Todos os indicios apuntan a que a xente valorará aínda máis o noso proxecto para o Concello e xa estamos percibindo a solidariedade e o achegamento de xente que tradicionalmente non era votante do BNG e á que lle desgusta esta operación ilexítima do PP.

No balance deste xa longo traxecto á fronte do goberno local, con que se queda, que foi o mellor destes anos?
Demostramos que somos unha forza de goberno sólida, construtiva, con alta capacidade de interlocución coa veciñanza. Viuse que existía un proxecto sustentábel, no que o público prima sobre o privado, cunha fonda sensibilidade democrática. Houbo un cambio importante no espazo público, traballamos pola recuperación da memoria histórica e colectiva, promoveuse unha rede veciñal activa, despregáronse ambiciosos proxectos sociais e culturais. No Porriño, calquera que o coñeza hai seis anos e agora mesmo, nota ben o cambio. Iso está conseguido.

E tamén haberá espiñas. O peor deste tempo?

O peor é a oposición obstrucionista que sufrimos. Impediron por exemplo iniciativas clave, como o investimento de seis millóns de euros vencellado á venda dunhas parcelas que tería derivado na cobertura de infraestruturas varias, desde o saneamento até instalacións sociais básicas e acondicionamento de zonas a carón do río Louro. Pero eles preferiron usar o seu voto para impedir que este goberno puidese financiar eses investimentos. Haberá que ver se agora no poder pensan doutro xeito. En todo caso, nós saímos coa cabeza ben alta.


5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: