Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES VOLVE O DEBATE SOBRE OS RESIDUOS NUCLEARES

A Foxa Atlántica, esoutro cemiterio que case ninguén lembra

Mentres a ubicación dun almacén de lixo radioactivo desata a polémica no Estado Español, fronte á costa galega permanecen fondeadas 140 mil toneladas.

Redacción - 17:01 28/01/2010
Bidóns que conteñen residuos nucleares nunha planta terrestre

Bidóns que conteñen residuos nucleares nunha planta terrestre

Este sábado remata o prazo dado polo goberno español para que os municipios presenten a súa candidatura para albergar un almacén de residuos nucleares. O executivo ten en mente facer unha construción semellante á que existe nas inmediacións da vila holandesa de Borsselle e que leva funcionando dende 2003. Na actualidade, o Estado Español está a pagar nestes momentos 40 mil euros diarios por trasladar a Francia os residuos xerados. A partir do ano que vén, o custe deste servizo aumentará a 60 mil (case 22 millóns de euros anuais).

Ningún concello do noso país presentou candidatura para contar co polémico recinto. As alarmas saltaran en 2006, cando se filtrou que un edil independente do Concello de Carballo se dirixira ás autoridades estatais para interesarse polas contraprestacións económicas que recibiría o municipio en caso de ser seleccionado para as instalacións. Á palestra tivo que saír o actual alcalde da capital de Bergantiños, o nacionalista Evencio Ferrero, que deixou claro que o goberno local non apoiaba aquela iniciativa persoal.

Mais poucas voces poñen enriba da mesa o outro gran almacén de lixo nuclear: A Foxa Atlántica. A pouco máis de 600 quilómetros das costas de Fisterra, en augas internacionais, están fondeados bidóns de aceiro que conteñen 140 mil toneladas de residuos radioactivos.

Quen controla as posíbeis fugas?
En agosto de 2007 o BNG levou ao Congreso unha iniciativa na que demandaba  unha inspección na zona, petición que trasladou posteriormente tamén ao Senado e Parlamento de Galiza. Porén, os únicos datos reais foron recollidos polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica nos anos anos 90 (os últimos datan de 1998).

Logo de varias demandas de información do grupo nacionalista, o goberno español reimitiu unha resposta por escrito o 30 de xullo de 2008. Na mesma, explícase que os resíduos están depositados en augas internacionais pero “a vixiancia que realiza o Consello de Seguridade Nuclear, coa súa rede de estacións de mostreo, detectaría as posíbeis variacións nas concentracións de actividade nas augas españolas”.

Respecto á rede de estacións de mostreo, o executivo de Rodríguez Zapatero respostaba que había sete tomando probas en augas atlánticas cunha periodicidade trimestral. Até ese momento todas as analíticas, segundo o goberno estatal, están dentro de parámetros normais, agás que se teñen detectado “isótopos de orixe natural”.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: