Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cualifica o acontecido de "agresión á liberdade"

Feijoo relaciona un explosivo no garaxe de Blanco Valdés coas mobilizacións a prol da lingua

"Galiza é libre e bilingüe" comenta o presidente da Xunta ao fío do acontecido na noite do mércores ao xoves na vivenda do catedrático compostelán.

Redacción - 17:25 28/01/2010

As autoridades policiais confirmaron a apertura dunha investigación para aclarar o acontecido a pasada noite na vivenda de Roberto Blanco Valdés, catedrático da Universidade de Santiago. Presuntamente, arredor das 3h15 da madrugada deste xoves, un artefacto composto de petardos e unha bombona de cámping gas estoupou no garaxe do seu inmoble familiar.

Segundo o propio Blanco Valdés lle relatou á axencia Europa Press en semanas recentes sufriu cando menos dous "ataques" á súa vivenda: un cóctel molotov lanzada ao seu xardín e que non chegou a explotar e unha roda queimada con gasolina contra o valado da casa. Valdés atribúelle estes sucesos a "grupos independentistas radicais", argumentando que nas dúas ocasións anteriores atopou no chan "panfletos que, aínda que non contiñan siglas, estaban escritos medio en galego medio en portugués" nos que se lle definía de "antigalego e inimigo do país e da lingua".

Feijoo aproveita para cargar contra os que se opoñen ao decretazo
Ao fío do acontecido, a presidencia da Xunta enviou aos medios un comunicado oficial onde cualifica de "inadmisíbel" o ataque á residencia do catedrático. No mesmo texto, subliña que "Galiza é libre e bilingüe, e que o galego é un pobo que fala no idioma que considera oportuno e quere a liberdade para facelo", malia que oficialmente non se coñece vencello ningún do suceso deste xoves cos supostos posicionamentos de Valdés respecto deste asunto.

"Lamento profundamente que haxa persoas que defendan unhas ideas e sexan sistematicamente atacadas no seu lugar de traballo e agora tamén no seu domicilio e lamento profundamente como galego que en Galiza se produzan estes actos de violencia", prosegue o comunicado, recollendo declaracións que o propio Alberto Núñez Feijoo realizou á saída do Consello da Xunta deste xoves e trasladándolle ao profesor e articulista "todo o respecto e a admiración do Goberno".

O BNG expresa a súa solidariedade co catedrático
Desde o Bloque Nacionalista Galego enviouse tamén un comunicado, desta volta indicando a "enérxica repulsa" da formación fronte á "acción violenta perpetrada contra a casa do catedrático de Dereito Constitucional e articulista Roberto Blanco Valdés". O Bloque subliña a súa "solidariedade" con Blanco Valdés e coa súa familia "por teren sido vítimas dun irracional acto de barbarie". "O uso da violencia contra unha persoa que só usa a palabra para defender as súas ideas repugna a conciencia pacifista e democrática do pobo galego", expoñen.


1,89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: