Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica polo cobro de dietas

Aymerich: "Poño a man no lume por todas e todos os deputados do BNG"

O portavoz nacionalista no Parlamento recorda que "hai unha irregularidade recoñecida" (Miranda, PPdeG), e outra que "pode ter fundamento" (Laura Seara, PSdeG).

Fernando Arrizado - 19:45 22/02/2010
Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG

Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG

Logo do "anecdótico" cobro irregular de 26 mil euros en dietas por parte do portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, o partido de Núñez Feijoo contraatacou volvendo acusar a ex deputada do PSdeG Laura Seara de percibir un "sobresoldo" de 31 mil euros en quilometraxe malia non ter carné de conducir. Todo -os 57 mil euros (perto de 10 millóns de pesetas)- á conta do Parlamento.

Manuel Ruiz Rivas, voceiro parlamentario do PPdeG, cualificou este luns de "suposta estafa" a actuación da actual directora xeral do Instituto da Muller. En troques, considerou que o do seu compañeiro de partido é "un erro recoñecido".

A primeira, dixo en conferencia de prensa, "non puxo ningunha medida" para "solucionar" a súa situación, mentres que o segundo, "cometeu un erro e deu a cara, e está a dar os pasos necesarios para arranxalo". Todos os membros do PPdeG consultados por este xornal remitíronse ás palabras do seu xefe de filas no Hórreo.

PSdeG: "Accións legais contra o PP"

Pola banda do PSOE, tampouco quixo falar a ministra española de Igualdade, Bibiana Aído, cuestionada pola polémica que rodea a súa subordinada. "Non me corresponde a min dar explicacións sobre o funcionamento do Parlamento galego", limitouse a dicir ao remate dunhas xornadas no Congreso.

Foi a portavoz dos socialistas galegos, Mar Barcón, que anunciou unha resposta contundente. Segundo informou, a asesoría xurídica do partido "iniciará accións legais contra o PP por insinuar o cobro ilegal de dietas". O PSdeG "non consentirá que para tapar as vergoñas do señor Rodríguez Miranda, o PP tente nos mesturar todos".

"Aquí non hai un problema do Parlamento, hai un problema de Rodríguez Miranda", aseverou a deputada socialista, que sinalou que o PSdeG "non vai levar a cruz de Miranda, Rueda, Baltar e o Congreso do PP de Ourense", polo que solicitarán formalmente á presidencia do Parlamento "que tome cartas no asunto".

Outro deputado socialista, Xosé Manuel Lage, subscribe as palabras de Barcón e apunta que "aínda que por regra xeral, non creo que os deputados fagan fraude ningún, o certo é que hai un caso, o de Rodríguez Miranda, recoñecido por el mesmo, e non é xusto que se queira estender aos demais. Mesmo é perigoso para a democracia".

Lage recoñece que os comportamentos dos deputados requiren de "responsabilidade individual", e que "os cidadáns teñen dereito á máxima transparencia sobre como se administran os recursos".

BNG: "Luz e taquígrafos"

Consultado ao respecto de toda a polémica, o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, pensa que "hai que estudar o sistema de retribución e comparar co que se fai noutros parlamentos", mais "non se pode esquecer que aquí quen ten a responsabilidade de actuar é o PP".

"Primeiro -di o nacionalista-, porque o único implicado (Rodríguez Miranda), recoñecido por el mesmo, pertence ás súas filas. E segundo, porque ten a maioría da mesa do Parlamento e correspóndelle propor medidas para evitar as irregularidades".

Ademais, asegura que "pon a man no lume por todas e todos" os seus compañeiros da formación frontista representantes no Hórreo. "No BNG sempre dixemos que a esta planta, que medra en ámbitos escuros, ten que darlle canta máis luz, mellor", destaca.

Por último, ao respecto da acusación sobre a ex deputada socialista Seara, Aymerich recoñece que "pode ter fundamento, dado que non ten carné de conducir", e enmarca o ataque popular na "resposta á denuncia" sobre Rodríguez Miranda, que "se filtra de fontes do PP" e que "demostra o conflito interno" que está a vivir o partido conservador.

Transporte público para os deputados?
Reciben un complemento os deputados que usan o transporte público? O portavoz nacionalista di que contan cunha tarxeta de Renfe e é Renfe quen notifica ao Parlamento o gasto cando se produce.

"Sería o ideal. No entanto -sinala-, o país está como está e non todos os deputados teñen a posibilidade de coller o tren, ou porque non hai rutas ou pola escasa frecuencia de convoios".


4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: