Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALERTA VERMELLA

A Xunta activa un plan de emerxencia polo aviso de ventos de até 150 km/h

Segundo as predicións meteorolóxicas, a forte borrasca tocará terra á primeira hora da tarde deste sábado e permanecerá moi activa até ben entrada a madrugada.

Redacción - 17:02 26/02/2010

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia anunciou este venres que está a traballar na coordinación das diferentes administracións diante da chegada dunha borrasca moi forte ao noso país. O director xeral, Santiago Villanueva, recoñeceu que a situación é preocupante xa que os servizos de meteoroloxía auguran ventos que incluso poderían sobrepasar os 140 km/h. Diante disto, os servizos de emerxencias teñen decretada a alerta vermella.

Dende este venres e durante toda a fin de semana está en funcionamento un comité de crise que terá o seu centro de actuacións nas instalacións do Centro de Atención ás Emerxencias-112 Galicia (Compostela). Tamén haberá comités provinciais dependentes do anterior.

Unha das primeiras medidas tomadas foi a de triplicar (até 24) o número de operadores telefónicos do servizo 112, xa que a Xunta agarda que aumente de forma notábel o número de chamadas ao longo da fin de semana. Tamén se reforzarán dende esta noite os efectivos de garda nos diferentes parques de bombeiros comarcais. A Consellaría do Medio Rural establecerá un dispositivo especial de 1.500 traballadores. Outras 500 persoas estarán pendentes da rede viaria.

Recomendacións á cidadanía


De cara á tarde e á noite do sábado, a Xunta recomenda que se eviten todos os desprazamentos que non sexan indispensábeis e que se reduzan ao máximo as actividades no exterior. Tamén se lle pide á cidadanía que non se aproximen á costa e non achegarse por áreas arboradas ou por zonas onde son posíbeis desprendementos de obxectos.

A máxima actividade da borrasca será na tarde-noite do sábado

As predicións meteorolóxicas dan por feito de que a forte borrasca vai tocar a costa galega entre as 14 e 15 horas do sábado. Ao longo de toda a tarde e a noite os ventos poden chegar a acadar os 150 km/h. Os seus efectos comezarán a remitir ben entrada a madrugada do sábado ao domingo.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: