Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME UXT

Unha de cada cinco mulleres ocupadas ten un contrato a tempo parcial

Seguen a sufrir unha palpábel discriminación no eido laboral: máis da metade traballan no sector primario, cobran menos e non acceden aos postos de dirección.

Redacción - 18:40 01/03/2010
A ocupación caracterízase por ter unha das dimensións máis acusadas de todo o Estado do sector primario e tamén ser maioritaria no sector servizos

A ocupación caracterízase por ter unha das dimensións máis acusadas de todo o Estado do sector primario e tamén ser maioritaria no sector servizos

Ano tras ano, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora (o vindeiro luns), sucédense os informes que estudan a situación laboral da muller e as conclusións, tamén ano tras ano, volven falar de discriminación. Desta volta é a UXT quen presenta un estudo sobre o mercado laboral feminino en Galiza do que tira datos especialmente “negativos e preocupantes”.

Contratación a tempo parcial
No pasado 2009, das 522.700 mulleres ocupadas en Galiza, case a quinta parte (101 mil) teñen un contrato a tempo parcial. Ademais, segundo o informe da UXT, esta modalidade de emprego é a que menos se modificou a causa da crise (cunha caída só de 700 ocupadas). Do total da contratación rexistrada entre as mulleres, un 37% foi a tempo parcial (o que contrasta co 17% dos homes). O sindicato aclara que “o traballo a tempo parcial en si mesmo non é prexudicial”, mais o máis frecuente é que agoche “un xeito diferente de emprego, con menos dereitos e protección” e que a súa “perpetuación no tempo signifique falla de seguridade no emprego e de dereitos futuros”.

Sectores diferenciados
A UXT tamén alerta da consolidación da segregación horizontal e vertical. O primeiro dos conceptos pon de manifesto que segue a existir a concentración das mulleres nuns sectores de actividade moi determinados: o 68% ocúpanse en tres sectores (fronte á dispersión do emprego masculino) vencellados ao sector servizos.

Sen acceso a postos de dirección
No referente á segregación vertical, as mulleres seguen sen ocupar postos de dirección malia posuír a mesma formación e experiencia. Ademais, todos os esforzos para incorporar ás mulleres a sectores nos que están infrarrepresentadas, víronse freados pola actual situación de crise: a ocupación feminina tan só medrou nos sectores relacionados coa educación, sanidade, administración pública e servizos sociais, crecemento este último debido a coidados á dependencia, é dicir, sectores feminizados.

O sector privado non contrata mulleres
Segundo o informe, o sector privado amósase remiso á contratación feminina: mentres nel traballan 81.500 mulleres, no sector público traballan 18.200 mulleres máis. Non obstante, tamén no sector público a temporalidade afecta máis as mulleres (cun 32,6% fronte ao 20,8%). Outro dato que ano tras ano hai que destacar é o referido ás diferenzas salariais que en Galiza acadan o 25,5 por cento. Isto tradúcese no futuro en prestacións por desemprego menores entre as mulleres, un 12,7 por cento menos, e pensións un 26,6 por cento máis baixas.

Imposíbel conciliación familiar-laboral
Ademais, o sindicato chama a atención sobre o lastre no que se converten para as mulleres, en moitos casos, as responsabilidades familiares. Por exemplo, a maternidade, de xeito encuberto, é utilizada para modificar as condicións de traballo das mulleres. Así ofrecen “un dato curioso pero moi significativo: dos permisos de maternidade solicitados durante o 2008 en Galiza tan só un 1,6 por cento foron compartidos co outro proxenitor”. O mesmo sucede coas excedencias por coidado de fillos, tan só un 6,29 por cento foron asumidas por homes e o 72,2 por cento do total de persoas que coidan dependentes son mulleres.


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: