Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Sen compromiso co escaparate da industria cultural

Nin un peso da Xunta para o Culturgal

Malia o reiterado éxito da feira das industrias culturais, o PP rexeita unha proposta do BNG para que o Goberno a financie. Seguirá dependendo do compromiso de concellos e sociedade civil.

Redacción - 10:45 12/03/2010
Malia a mingua de recursos, AchegArte superou en 2009 a cifra de visitantes de Culturgal o ano anterior

Malia a mingua de recursos, AchegArte superou en 2009 a cifra de visitantes de Culturgal o ano anterior

Ser un proxecto nacido da iniciativa do anterior Goberno parece un obstáculo decisivo para o PPdeG á hora de valorar a Feira das Industrias Culturais exitosamente celebrada durante os anos 2007 e 2008 baixo a marca Culturgal. O éxito de público e a capacidade de proxección para a cultura do país que demostrou favorecer esta cita non foron xa argumentos abondo para que a nova Xunta lle outorgase beizón o pasado 2009. Daquela, o evento puido ser celebrado grazas ao esforzo dun feixe de axentes culturais e o financiamento do departamento de Cultura do Concello da Coruña e da Deputación, desta volta baixo o nome AchegArte.

Esta quinta feira, o asunto foi levado ao Parlamento pola voceira en materia de Cultura do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, quen defendeu unha proposición non de lei que instaba a Xunta a asignar un compromiso orzamentario que garantise a celebración do Culturgal. Mais a iniciativa quedou freada pola maioría absoluta do PP na Cámara. A deputada nacionalista insistiu na súa intervención no éxito de público que a cita tivo en 2007 e 2008 e na súa importancia na política de promoción e proxección das industrias culturais e como elemento dinamizador da cultura galega.

Para a portavoz do Bloque, o éxito da iniciativa o ano pasado, cando a Consellaría de Cultura pilotada por Roberto Varela se negou a organizala alegando "falta de recursos" e de "tempo", demostra o valor do proxecto. Pontón subliñou a importancia das industrias culturais en Galiza, tanto polo seu potencial de creación como pola xeración de emprego e a suma do 2% do PIB do país. Un peso do sector que, laiouse a voceira do Bloque, contrasta co desinterese da Xunta pola súa potenciación. Como exemplo, criticou que a Xunta "edita libros con editoriais foráneas". De paso, cargou contra o portavoz de cultura do PP, Ignacio López Chaves, ao que acusou de manter "unha postura belixerante co idioma galego e coa anterior conselleira, Ánxela Bugallo, promotora do Culturgal". "Seguen obsesionados cos éxitos do bipartito", censurou a deputada nacionalista.

Unha fundación, fórmula para garantir o evento en 2010
Como xa avanzou Vieiros o pasado mes de outubro, unha fundación podería ser a fórmula para organizar o evento en 2010. Asociacións vencelladas aos sectores do libro, a música e o audiovisual fixaron daquela un acordo para o impulso da creación da que se chamaría Fundación Culturgal. Con todo, desde os colectivos promotores teñen manifestado o seu interese en que a administración se comprometa con este escaparate das industrias culturais participando na fundación.


4,54/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: