Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Nación

A estratexia diante da crise e o desafío das caixas, na axenda para o Parlamento

A actual conxuntura económica, a proposta de iniciativas e a posibilidade de pactos, abrollarán ao discurso do presidente da Xunta e dos tres grupos parlamentarios.

Redacción - 09:00 16/03/2010

Os deputados cítanse este martes no Parlamento para unha nova edición do chamado Debate sobre o Estado da Autonomía, evento político que nesta ocasión estará fundamentalmente protagonizado pola actual conxuntura de crise económica e as diversas posicións e estratexias que as formacións políticas e o propio Goberno propoñen diante deste escenario.

Na súa primeira intervención neste debate como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo fará especial repaso das iniciativas a curto e medio prazo que o seu equipo proxecta nesta situación e, aseguran desde o seu contorno, tamén deixará propostas concretas de pacto á oposición. Anuncian desde o gabinete que se tratará dun discurso "realista" e próximo ás necesidades concretas e "preocupacións" dos cidadáns. De xeito especial, Núñez Feijoo reparará no conflito das caixas de aforro e a necesidade dunha posición común dos tres grupos parlamentarios a este respecto.

Malia as protestas de socialistas e nacionalistas, o líder do PP evitara o pasado mes de outubro a convocatoria deste Debate, argumentando que transcorrera moi pouco tempo desde a toma de posesión no Goberno e, un ano despois da vitoria das urnas, consideraría agora que é momento "axeitado" para facer balance da axenda estratéxica. Así, anuncian tamén desde a presidencia que Feijoo insistirá en subliñar a "austeridade" da acción do executivo e que salientará ao referirse á "transparencia" as políticas en materia eólica ou lingüística.

A oposición prepara os dardos
Logo do discurso do presidente da Xunta, a sesión seguirá durante a tarde deste martes coas intervencións dos voceiros dos tres grupos parlamentarios. A este respecto, desde o PSdeG intervirá o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, quen fará especial fincapé tamén no eido económico, criticando o Goberno pola súa "inacción" e de xeito especial reprochándolle os recortes exercidos no ámbito das políticas sociais. Os socialistas avanzan tamén a súa intención de propoñerlle a Feijoo a posibilidade de estabelecer acordos nas áreas de emprego, agro e infraestruturas.

Doutra banda, o voceiro do grupo do BNG, Carlos Aymerich, repasará os incumprimentos do actual Goberno e salientará o que en opinión dos nacionalistas foi o seu labor de oposición "construtiva". Nese sentido, Aymerich destacará de xeito especial a posición do Bloque coa lei de caixas. O BNG tamén se mostrará moi crítico co que consideran que é o fracaso da prometida austeridade, as supresións en materia social e a ausencia de medidas no ámbito económico.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: