Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Máis novas sobre a fenda TIC

Sen rede, nin teléfono, a dez minutos da capital do país

Veciños do Concello de Vedra levan dous anos reclamando a liña. Desde Telefónica dinlles que á empresa non lle compensa botar a rede deica os seus fogares.

R.N - 10:15 19/03/2010
Concello de Vedra ( Imaxe: Galipedia)

Concello de Vedra ( Imaxe: Galipedia)

Non é o primeiro caso que lles contamos de veciños do rural do país incomunicados telefonicamente e sen posibilidade de acceso a internet. Que tres postes de telefonía poden ser un abismo vímolo xa á beira doutras urbes galegas, como o caso denunciando por un veciño de Coles, á beira de Ourense. Desta volta contámoslles dunha situación similar ás portas de Santiago de Compostela, no veciño Concello de Vedra.

Nun área recentemente urbanizada no contorno da parroquia de San Xián de Sales levan dous anos turrando para que a liña telefónica chegue deica os seus fogares. O concello vese afectado pola propia rede obsoleta despregada pola durante moitos anos empresa monopolizadora do sector, Telefónica, e á vez as vivendas, situadas no contorno de Laraño sofren agora da falta de vontade desta compañía para levar a liña a seus fogares.

Telefónica négase a estender a liña

"Telefónica di que non é viábel", explica para Vieiros o presidente da Asociación de Veciños de San Xián de Sales. Santiago Neira relata que a operadora se amosou inicialmente inflexíbel á hora de responder ás demandas da veciñanza. A mediación do concello conseguiu apenas que, no momento actual, Telefónica expón que estaría disposta a realizar o investimento no caso de que se lle garanta por escrito un mínimo de vinte altas e un tempo mínimo de permanencia co compromiso dos contratantes de non cambiarse a outra operadora. A esixencia, no gume do legal, é de momento obstáculo dous anos despois de que comezasen as reclamacións.

Desde a Xunta sinalan que é competencia do goberno español garantir a cobertura da liña telefónica fixa a todo o territorio estatal. Desde a administración galega, e malia as eivas aínda na extensión da rede a todo o país e o lastre das liñas TRAC, remítense ao Plan Director de Banda Larga 2010-2013 como garantía de que nese ano o 94% da poboación conte coa posibilidade de acceder desde o fogar a servizos de internet de alta velocidade. Sinalan desde a Secretaría de Modernización e Innovación Tecnolóxica que tal e como contempla o plan, o 6% restante sería cuberto a través de servizos de acceso vía satélite.

Alternativas posíbeis
A fenda que sofren nesta área do municipio abrangue tamén a cobertura da telefonía móbil. De feito, a instalación irregular dunha antena deste tipo rematou no xulgado determinando a Xustiza a súa retirada. A medio prazo, está prevista a instalación doutras dúas antenas, desta volta cumprindo cos requirimentos legais, que garantirían a cobertura en todo o concello.

Por outro lado o colectivo veciñal propuxo tamén o despregue dunha rede wimax e mesmo se realizaron as xestións pertinentes. Esta alternativa acolleríase ademais ás axudas específicas do Goberno neste eido e precisarían dun investimento reducido e apenas unha cota de alta de 120 euros por fogar conectado. Mais nesta altura de 2010, os veciños seguen agardando por acceder á sociedade da información.


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: