Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixas á Dirección Xeral da Función Pública

A suma de escándalos en oposicións leva o PSdeG a avisar de "baltarización" na Xunta

Os socialistas insisten en que a Xunta actúe diante das "milagres" e "casualidades" que agocharían casos de nepotismo e graves filtracións.

Redacción - 11:55 28/03/2010

A propia actuación do conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, quen tería usado presuntamente os seus contactos políticos para ter trato de favor na súa carreira profesional coa fin de "preservar a súa praza no Concello de Cambados", é a punta do iceberg do que o voceiro parlamentario do PsdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, cualificou este sábado de "proceso de baltarización acelerada no funcionamento da Xunta de Galicia".

Leiceaga recordou ademais o escándalo das filtracións nas oposicións dos grupos C1 e C2 da Xunta e recordou que as denuncias realizadas serviron para excluír cinco opositores dos que se constatou que tiñan coñecemento previo dos exames. Mais lembra o portavoz socialista, polo de agora non se actuou nin sobre o tribunal nin sobre os responsábeis políticos. Á lista suman desde o PSdeG o caso dos cargos de Facenda que optaban a prazas sendo eles mesmos membros dos tribunais e o caso do Sergas onde as relacións familiares con cargos directivos "son as que determinan resultados das oposicións". Para os socialistas, a inacción do Goberno diante destas graves situacións é alarmante. "Non hai ningunha asunción de responsabilidades por parte do goberno Feijoo", denunciou Fernández Leiceaga, recordándolle ao presidente as súas promesas de "moralización" da vida pública.

Ao fío, recordoulle Leiceaga que nun caso menos grave na anterior lexislatura produciuse unha dimisión. Insinuou o deputado compostelán que se cadra a conselleira de Facenda, departamento do cal depende a Dirección Xeral da Función Pública, non toma as "decisións adecuadas" por directriz política. Lembrou Leiceaga que o director xeral é á vez secretario local do PP na Coruña e home de máxima confianza do presidente provincial, Carlos Negreira. Así, o voceiro socialista lamentou que "esta circunstancia partidaria impide que na función publica se tomen as decisións que mellor defenden os intereses ao conxunto dos cidadáns, e sobre todo dos queren acceder a función pública en condicións de neutralidade, obxectividade e respecto ao mérito".


4,17/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: