Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Por primeira vez

Unha sentenza pon en cuestión as patentes de xenes humanos

Un tribunal estadounidense anulou os dereitos que unha empresa pretendía exercer sobre os xenes do cancro de mama e de ovario.

Redacción - 14:05 30/03/2010
Imaxe da campaña contra as patentes de xenes

Imaxe da campaña contra as patentes de xenes

Por primeira vez, un tribunal estadounidense decidiu invalidar unha patente relacionada con xenes humanos. Concretamente, un tribunal federal de Nova York anulou as patentes que Myriad Genetics e a Universidade de Utah reclamaban sobre xenes relacionados co cancro hereditario de mama e de ovarios.

A sentenza responde unha denuncia dun grupo de pacientes e científicos representados pola Unión de Liberdades Civís dos EUA (ACLU) e pola Fundación a prol das Patentes Públicas (PUBPAT). Os dous colectivos consideran que a decisión xudicial é un triunfo e que pon en cuestión as patentes que pesan sobre dous mil xenes humanos.

"O xenoma humano, como a estrutura do sangue, da auga ou do aire, foi descuberto, non creado", aseguran. A sentenza afirma que as patentes recorridas son ilegais e restrinxen tanto a investigación científica como o acceso dos pacientes á atención médica. Ademais, considera que as patentes sobre xenes humanos son anticonstitucionais porque tratan sobre "produtos da natureza".

Calcúlase que aproximadamente o 20% de todos os xenes humanos están patentados nos EUA, entre eles os da enfermidade de Alzheimer, da distrofia muscular, do cancro de colon, da asma e doutras doenzas. Segundo un responsábel de PUBPAT, "as probas e os medicamentos son invencións e pódense patentar, pero os xenes non".

Myriad pretendía ter os dereitos exclusivos para practicar probas diagnósticas nos xenes do cancro de mama (BRCA1 e BRCA2) e evitar que calquera outro investigador puidese nin sequera mirar eses xenes sen o seu permiso. Ese monopolio faría imposíbel que as persoas afectadas puidesen acceder a probas alternativas ou a segundas opinións, ademais de permitirlle a Myriad cobrar o que quixese por esas análises.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: