Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo da inédita redución de fondos ao Sergas

Unha falsa austeridade que oculta "o maior ataque á sanidade pública"

O aumento de convenios coa privada e o empeoramento nas listas de espera, exemplos de como se "dinamita un piar básico do benestar", denuncia o PSdeG.

Redacción - 13:00 30/03/2010

A redución en 23 millóns de euros da partida destinada a Sanidade nos orzamentos 2010 é o principal exemplo exposto polo secretario do PSdeG na área sanitaria, Miguel Anxo Fernández, á hora de denunciar que o PP oculta "baixo unha falsa austeridade" o que cualifica como o "maior ataque ao sistema sanitario galego". Fai contas Fernández e detalla que con eses cartos suprimidos do orzamento sanitario poderían contratarse máis de 400 médicos especialistas, 700 diplomados en enfermería ou mesmo comprar 30 equipos de resonancia magnética e 50 aparatos TAC de última xeración.

Paradoxalmente trátase de servizos que, ao tempo que a Xunta recorta os orzamentos do sistema público, son froito de convenios con centros privados, mecanismo que se incrementou desde o cambio de goberno. Datos que ademais coinciden coa primeira vez nos últimos cinco anos en que empeoran as listas de espera de cirurxía (un 12% máis) e dun 6% en primeiras consultas na asistencia médica especializada. Ao tempo, aumentan as intervencións cirúrxicas nos centros concertados. Na lista de reproches, o voceiro socialista censurou tamén a paralización do Plan de Saúde Mental, o de Atención Integral á Muller, o Plan Autonómico de Coidados Paliativos e a supresión dos convenios cos concellos para prevención e tratamento ao abeiro do plan contra a drogadicción.

Os reproches ao Goberno inclúen a acusación de poñer "en mans privadas" os novos hospitais e centros de saúde. "Unha hipoteca para futuras xeracións", quéixase o portavoz do PSdeG. Segundo os números que achegan os socialistas, o traslado á empresa privada da construción e xestión dos centros multiplicará por catro nos próximos vinte anos o custo dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: