Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A FAVOR E EN CONTRA

Garzón e as verdades encontradas

Heroe para uns e ruín para outros, o maxistrado pode ter os seus días contados na carreira xudicial. Afondamos nas opinións diverxentes sobre a súa figura.

Isabel G. Couso - 09:00 19/04/2010

O procedemento aberto contra o xuíz Baltasar Garzón por presunta prevaricación, por terse declarado competente para investigar as desaparicións de milleiros de persoas durante a Guerra Civil e o franquismo, está a polarizar os posicionamentos sobre a súa figura, cunha repercusión que transcende do ámbito estatal. Para fuxir destas opinións maniqueas, que tanto o loan como o heroe que loitou contra o crime organizado, o narcotráfico ou a corrupción, como o acusan da ruindade máis extrema na procura do seu propio protagonismo persoal, falamos con diferentes voces que o re-sitúan no seu contexto.

Xuíz estrela ou xuíz valente?
Dende que en 1988 tomase posesión como maxistrado do xulgado de instrución número cinco da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón asumiu rapidamente casos que lle darían certo protagonismo (segundo uns) e que demostrarían a súa valentía (segundo outros). Instruíu máis de 20 causas contra ETA; iniciou unha operación contra axentes da Unidade Central de Antidroga da Garda Civil; logo da súa incursión electoral abriu o chamado caso GAL; iniciou un auto de procesamento contra o xeneral chileno Augusto Pinochet baixo as acusacións de terrorismo, xenocidio e torturas; ou emitiu unha orde de captura contra Bin Laden.

Mais en Galiza, Garzón cobrou verdadeira relevancia grazas aos temas de narcotráfico: dirixiu a “Operación Nécora”, desarticulando a organización liderada por Laureano Oubiña e a “Operación Pitón”, que supuxo a detención do clan dos Charlines. Aquelas operacións considéranse o inicio da loita contra o tráfico de drogas a gran escala nas costas galegas. Porén, máis alá de que este caso permitise ao maxistrado saltar á primeira plana de todos os medios de comunicación, xa daquela lle acharon erros no procedemento. As maiores penas recaeron en narcos de segunda fila mentres que os que o confidente Ricardo Portabales apuntou como líderes, Celso Barreiros e Carlos Goyanes, foron absoltos.

Erros na instrución dos seus casos?
A acusación de cometer supostos erros nas tramitacións planeou sempre sobre a figura de Garzón en moitos dos seus casos. Porén, voces como a de Manuel Dios, do Seminario Galego de Educación para a Paz, subliña que "unha persoa que abre tantos procedementos é lóxico que uns saian mellor e outros peor, mais os seus resultados son evidentes", di ao tempo achaca estas acusacións a "bulos que pretenden desacreditalo profesionalmente".

Pola contra, outras persoas como o xornalista Perfecto Conde discrepan neste punto: "precisamente a súa Operación Nécora transformouse finalmente no seu primeiro gran fracaso como xuíz instrutor", di, "anuláronlle probas e o balanzo final non é o dun procedemento xudicial que se caracterice pola súa eficacia final no canto de sentenzas condenatorias". Deixando á marxe o seu interese en converterse en protagonista xa que "ten dereito a cultivar o seu ego como calquera outro", Conde afirma que "a relación existente entre casos instruídos por el e condenas resultantes é case escandalosamente deficitaria" e defende que neste caso "o importante é ver se actuou profesionalmente como debía ou non".

Que motivacións levan a sentar a Garzón na bancada dos acusados?
Ao xuíz da Audiencia Nacional impútaselle un delito de prevaricación por terse declarado competente para investigar os asasinatos cometidos durante o franquismo. Denunciado pola extrema dereita (Falange Española e Manos Limpias), algunhas voces achacan a motivacións máis espurias o progreso desta causa. Desta opinión é, por exemplo Manuel Dios: "hai xente que non lle perdoa o seu papel ao abrir determinadas investigacións", di en referencia aos GAL. A isto súmase, nas súas palabras, unha situación de "disputas e envexas internas dentro da propia carreira xudicial" e, finalmente, a propia "confluencia de certos sectores da ultradereita que queren evitar a toda costa a investigación dos crimes do franquismo". Manuel Dios conclúe: "quéreno eliminar da escena xudicial porque é unha persoa incómoda".

Pola contra, outras voces apuntan a outras motivacións. "A Garzón non o van xulgar por investigar os crimes do franquismo, senón por terse declarado competente nun caso sabendo que non o era", dicía nos pasados días o politólogo Xosé Luís Barreiro Rivas. Na mesma liña se manifestaron en Galiza responsábeis de diferentes asociacións xudiciais. Luis Villares, de Xuíces para a Democracia, di: "é unha garantía do Estado de Dereito que un xuíz poida ser investigado" e engade que "o auto de Varela ten unha fundamentación xurídica sólida" e que a súa actividade instrutora é "impoluta".

Na mesma liña, Perfecto Conde asegura: "repúgname enormemente que toda esta traca xudicial poida reportar beneficios aos herdeiros directos dunha das peores ditaduras que padeceu Europa no século pasado; pero a verdade debería ser revolucionaria posta na boca de Agamenón ou na do seu porqueiro".

Cales será as repercusións futuras de todo este proceso?
O procedemento aberto vai prolongarse, sen dúbida, durante moitos anos, entre probábeis recursos, apelacións ou querelas como a que se vén de abrir en Bos Aires. "O que nos deixará todo este proceso, alén das propias consecuencias que terá en Baltasar Garzón", di Manuel Dios, "será máis sufrimento para as vítimas do franquismo, que seguen sen ver resolto o problema; Garzón foi o único xuíz que se atreveu a botarlle man ao asunto mentres que outros maxistrados viraban a vista para outro lado e agora é xulgado" e pregúntase, "Quen xulgará a estoutros xuíces?".

Pola súa parte Conde subliña outras consecuencias: "o maniqueísmo co que se está polarizando a polémica suscitada polo caso Garzón" e tamén o “preocupante manto de silencio que todo este rifi-rrafe está tendo sobre o caso Gürtel e toda a corrupción detectada no Partido Popular”. Porén apunta sobre outra consecuencia aínda máis grave: "todo este barullo pode incrementar o descrédito da Xustiza española e de todo o seu poder xudicial".


5/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Plataforma “Galicia con Garzón” convoca unha concentración de apoio o vindeiro mércores 21 ás 19:30h. Diante do TSXG da Coruña
A Plataforma “Galicia con Garzón” convoca unha concentración de apoio o vindeiro mércores 21 ás 19:30h. Diante do TSXG da Coruña
Luciano Varela, quen sentará a Garzón no banco dos acusados, foi maxistrado da Audiencia de Pontevedra durante 23 anos
Luciano Varela, quen sentará a Garzón no banco dos acusados, foi maxistrado da Audiencia de Pontevedra durante 23 anos
En Galiza, Garzón cobrou relevancia grazas á Operación Nécora, mais 17 dos encausados quedaron absoltos / Na imaxe: Laureano Oubiña
En Galiza, Garzón cobrou relevancia grazas á Operación Nécora, mais 17 dos encausados quedaron absoltos / Na imaxe: Laureano Oubiña
As manifestacións a prol do xuíz Garzón sucedéronse dende que fose encausado
As manifestacións a prol do xuíz Garzón sucedéronse dende que fose encausado