Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presidencia de quenda na Unión Europea

Intereses galegos en Europa: nin vontade do goberno español nin xestos da Xunta

O PSdeG láiase do escaso nivel de propostas do equipo de Feijoo. Para o BNG, a Xunta fracasou nos obxectivos acordados polo Parlamento.

Redacción - 18:00 21/04/2010

"Inoperancia" é o resumo que ao PSdeG lle sae da posición da Xunta respecto da presidencia de quenda do goberno español na Unión Europea durante este semestre á luz da comparecencia este mércores na Cámara do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. O voceiro en materia de Relacións Europeas do grupo parlamentario do PSdeG, Xosé Luís Méndez Romeu, aproveitou este mércores para salientar positivamente o que considera que son un conxunto de "logros" do executivo socialista en Madrid neste período. Para Méndez Romeu, o gabinete de Zapatero aproveitou a presidencia da UE en materia de gobernanza económica, violencia de xénero, microcréditos para pemes, para o pulo do vehículo eléctrico ou no que lle toca á estratexia de seguridade interior.

Nese contexto, considera o deputado socialista que a Xunta tivo oportunidade de xestionar por medio do goberno español un feixe de propostas que irían en beneficio de Galiza aproveitando esa presidencia de quenda. Mais, laiouse Romeu, na documentación oficial remitida pola Xunta ao goberno español non aparece por exemplo "ningunha proposta sobre a industria do automóbil, nin sobre a política de transportes e tampouco sobre portos". E no que lle toca a políticas sociais, o voceiro do PSdeG dixo estar sorprendido pola falta de iniciativas concretas da consellaría de Traballo e Benestar, en materia de emprego, inclusión social e igualdade. Para Romeu, só en materia de agro e pesca fixo a Xunta os deberes.

Na mesma liña zoupou contra a dirección xeral de Exteriores o voceiro do BNG, Alfredo Suárez Canal, quen valorou que o Goberno "fracasou" nos obxectivos que o Parlamento fixara para a a negociación co Estado coa intención de "sacar partido" da presidencia española na UE. "Hai goberno na Xunta ou só un colectivo que se limita a tramitar informes?", ironizou Suárez Canal. Para o deputado nacionalista, e malia as responsabilidades concretas que se lle apoñan ao goberno español, a Xunta desaproveitou os seus instrumentos de negociación política. Unha situación que, paradoxalmente, coincide cun escenario de inédita vontade de colaboración de todos os grupos políticos e cun acordo unánime de dez puntos "aprobado a iniciativa do BNG", lembrou o deputado ourensán.


2/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: