Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo dun ano no poder

A Xunta pilotada por Feijoo di que non lle cadran as contas por culpa do goberno español

Acusa a Moncloa de incumprir a inxección de 200 millóns de euros e anuncia un reaxuste orzamentario que promete protexer sanidade, ensino e benestar.

Redacción - 18:15 23/04/2010

Este xoves a Xunta anunciaba un recorte da administración paralela, maioritariamente abrollada durante os gobernos de Manuel Fraga, que na práctica contempla basicamente efectivizar o proceso xa iniciado polo bipartito para a disolución das fundacións comarcais evitando de momento as recomendacións máis ambiciosas expostas polo Consello de Contas. Presentado como un suposto paso máis na estratexia do que o equipo do presidente Alberto Núñez Feijoo teima en presentar como a súa política de austeridade, a iniciativa coincide coa saída á luz de que o gasto corrente na propia Consellaría de Presidencia e Administracións Públicas aumentou un 15% no que vai de ano.

Un exemplo este último do que desde o PSdeG cualifican de "falsa austeridade" e "orzamento irreal" dun Goberno que á súa vez accedera a San Caetano arrebolando contra a coalición saínte a acusación de teren deseñado un orzamento afastado da realidade. Ao fío da "austeridade" comparecía tamén esta sexta feira a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, para anunciar que a Xunta tivo que deseñar un reaxuste orzamentario que mingua nun 5% o presuposto manexado polo executivo o ano pasado. Segundo Fernández Currás trátase dun recorte de 200 millóns de euros "que impón o goberno central" de xeito unilateral e toda vez que se terían retirado os fondos adicionais do novo modelo de financiamento autonómico para 2010. "Despois de que o pasado decembro os comprometera", subliña a conselleira.

Asegura Currás que diante deste novo escenario a Xunta "apelou á solidariedade do resto de consellarías para non recortar sanidade, educación e benestar". "Priorizáronse corporacións locais, universidades, loita contra incendios, subvención de peaxes, transporte metropolitano e Xacobeo", insistiu a conselleira, teimando en que malia as reprogramacións non haberá atrasos na execución orzamentaria. Serán xa que logo 10.852 millóns de euros ao dispor do Goberno, que tamén anuncia que terá 1.391 millóns de euros menos de ingresos correntes que o pasado ano. Ao fío, Currás avanzou que o executivo presentará recurso esixíndolle ao goberno español a inxección extra.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: