Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica de Aldara Ferreiro

Fabricado en Palestina?

"A Autoridade Palestina tentará prohibir que a súa xente traballe nos asentamentos, apoiando os produtos nacionais para que compitan cos israelís".

Aldara Ferreiro - 18:30 10/05/2010

Palestina son territorios espallados dentro e fóra do seu terreo. A súa extensión trúncase debido ás continuas barreiras que crecen por todos lados e que fan perigar ata os seus propios sinais de identidade. Palestina, esa que de momento aínda conserva unha definición en certos circuítos, mestúrase e confúndese con outros nomes, como son os asentamentos, minúsculas propiedades de terra rodeadas de árabes por todos lados.

Os asentamentos xudeus de Cisxordania non só impiden negociacións de paz e de división territorial, senón que fomentan a dependencia do pobo palestino que, amais de ter que ser construtor do muro que os separa e divide, moitas veces tamén está empregado nalgunha colonia ou está obrigado a mellorar a posición económica do colono, mercando os seus produtos. A concienciación palestina é cada vez maior e nas últimas datas creceron as campañas contra o consumo de produtos israelís -de feito, xa está prohibida a venta de tarxetas telefónicas das súas compañías. Con todo, a febleza da mercadoría palestina, que non convence aos seus, e as facilidades da que vén do exterior, entorpecen a revitalización do que se fai nos Territorios.

As opinións sobre os anuncios en contra do consumo de produtos israelís varían. Por un lado, pénsase que, de non mercar produtos, as represalias serían maiores e deixarían de subministrarse bens básicos ou as vendas dos propios produtos palestinos minguarían, respondendo así á falta de inversións palestinas; por outro lado, moita xente non está convencida de que unha posible guerra económica pacifista podería danar a Israel e mantén a idea de que os seus produtos son de maior calidade. Pero esas mercancías poderían mellorar de ampliarse o sector palestino e de crecer a demanda. Polo de agora, só un 18% dos produtos consumidos en Palestina son locais, algo que, de aumentar, lograría que crecese a taxa de emprego e, así, que eses 40.000 palestinos que traballan dentro de Israel e eses outros 20.000 que o fan nos asentamentos, atoparían un posto de traballo máis preto do seu fogar e con maior seguridade.

A Autoridade Palestina vén de declarar que tentará prohibir que a súa xente traballe nos asentamentos, apoiando os produtos nacionais para que compitan cos israelís. Deste xeito, o pobo palestino tamén será partícipe dunha loita polo poder, incentivando a súa economía dende dentro.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: