Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusación do PSdeG

A austeridade frea a axuda a rehabilitación e prevención de drogodependentes

Os socialistas din que a "neglixencia" da Xunta deixa sen asistencia nesta área a máis de 18 mil persoas e a súas familias.

Redacción - 11:00 11/05/2010
Beatriz Sestayo, secretaria de Políticas Sociais do PSdeG

Beatriz Sestayo, secretaria de Políticas Sociais do PSdeG

"É unha nova evidencia da escasa preocupación do goberno do PP polas cuestións sociais", denunciaba este luns Beatriz Sestayo, secretaria do PSdeG na área de Políticas Sociais. A deputada socialista quéixase das eivas abertas polo actual executivo "nun tema de tanta transcendencia" en Galiza como é a loita contra a droga. Na opinión do PSdeG a situación dos drogodependentes non parece formar parte da actual axenda da Consellaría de Sanidade.

A día de hoxe a Xunta non renovou os convenios de asistencia cos concellos, que remataron o pasado mes de decembro. Doutra banda, os convenios de prevención van finalizar o próximo mes de xuño, e nos municipios non hai constancia de que vaian ser renovados. O problema foille transmitido á dirección do PSdeG por parte dos propios concelleiros socialistas desde diversos gobernos municipais, laiándose do que consideran que é unha "asfixia" ás arcas dos concellos ao teren que tratar de asumir o custo destas políticas sociais.

Segundo as contas dos socialistas, esta situación, que cualifican de "abandono absoluto" por parte da Xunta, está causando xa que por vez primeira en moito tempo máis de 18.000 drogodependentes e as súas familias" carecen de asistencia e axuda. "Parece que a conselleira está máis preocupada por vender hospitais públicos que por axudar aos drogodependentes", criticou Sestayo recordando as denuncias á consellaría pola política de privatizacións coas novas infraestruturas sanitarias.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: