Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVO PLAN

As empresas privadas terán un papel central na xestión de residuos

Os ecoloxistas denuncian que a Xunta recae nos dous erros de Sogama: a incineración e a mercantilización do servizo.

R.V. - 11:50 25/05/2010

As empresas privadas van ter un papel central no novo plan de residuos que vén de presentar a Xunta. De feito, os datos que trascenderon até o de agora semellan confirmar que o capital privado encargarase da explotación da segunda incineradora de lixo (que se construirá no sur de Galiza). Os colectivos ecoloxistas xa anunciaron que van dar batalla contra unha proposta que consideran que afonda nos dous erros históricos de Sogama: a incineración e a concepción da xestión coma un negocio.

Coa segunda planta, Galiza tería capacidade de incinerar máis de 750 mil toneladas de lixo anuais (fronte ás 500 mil actuais). A tímida aposta pola compostaxe (a Xunta afirma que vai crear novos centros para aplicar o modelo que defenden os ecoloxistas) encargaríase dunha cantidade entre 150 e 200 mil toneladas.

A gran pregunta é como van rendibilizar as empresas privadas a xestión do lixo? Até o de agora, Unión Fenosa sempre sostivo que a súa participación no modelo Sogama (49%) non era rendíbel economicamente. Mais a realidade tiña outras lecturas, o propio Consello de Contas alertaba no seu momento que a sociedade pública contrataba recorrentemente os servizos de empresas do grupo eléctrico. Eis o verdadeiro negocio (de dubidosa legalidade) que explicaría o interese de Unión Fenosa.

Unha cuestión estratéxica para calquera país

A recollida e tratamento dos residuos é un asunto estratéxico pola súa incidencia ambiental e incluso sanitaria. Coma o resto de países occidentais, multiplicou nas últimas tres décadas o volume de lixo producido. O maior peso das cidades e vilas creou novas necesidades na xestión dos residuos sólidos urbanos. A día de hoxe, estímase que Galiza xera case 1,2 millóns de refugallo.

O principal modelo de xestión que existe na actualidade é o de Sogama, ao que están adheridos perto de 290 dos 315 municipios que hai no país. A sociedade conformada pola Xunta (51%) e Gas Natural Fenosa (49%) encárgase de xestionar arredor de 900 mil toneladas de residuos anuais. O complexo de Cerceda (onde está a única incineradora que existe na actualidade) ten capacidade para tratar, no mellor dos casos, 500 mil toneladas. O excedente (400 mil toneladas) entérrase no controvertido macrovertedoiro da Areosa (no mesmo municipio).

O modelo, colapsado dende hai anos, fai augas dende hai demasiados anos. Por se isto fose pouco, os escándalos puxeron en numerosos apretos a Sogama: grave opacidade nas políticas de subcontratacións, casos flagrantes de contaminación ambiental, manipulación de analíticas e sospeitas de múltiples prevaricacións.

O PPdeG, que ideou e deseñou na década dos 90 o modelo de sociedade pública, aproveitou as disfuncións de Sogama para acurralar ao bipartito en vésperas das eleccións ao Parlamento. Mentres os conservadores denunciaban múltiples irregularidades, os socialistas cualificaban os ataques de "hipócritas" e respostaban que estaban tratando de endereitar un barco que o PPdeG gobernara durante unha década.

Polémicas políticas aparte, todos os partidos tiñan claro que o modelo Sogama era inviábel e era preciso un novo plan de residuos para o país.  Co bipartito ultimando un novo marco, os de Núñez Feijoo volveron a San Caetano e decidiron elaborar un propio. Logo de meses de traballo, a consellaría comezou a debuxar o campo no que quere xogar nun prazo máximo de seis anos. Como xa pasou a principios dos 90, o divorcio entre Xunta e colectivos ambientalistas segue marcando o debate.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manifestación contra a incineración de residuos (principios dos 90)
Manifestación contra a incineración de residuos (principios dos 90)
Galiza xera arredor de 1,2 millóns de toneladas de resíduos ao ano
Galiza xera arredor de 1,2 millóns de toneladas de resíduos ao ano
O ex conselleiro, Pachi Vázquez, e o actual, Agustín Hernández. O departamento Medio Ambiente é o encargado das políticas de resíduos
O ex conselleiro, Pachi Vázquez, e o actual, Agustín Hernández. O departamento Medio Ambiente é o encargado das políticas de resíduos