Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A norma sae publicada este martes no DOG

Recurso ao TSXG contra o 'decretazo' de linguas

A CIG-Ensino confirmou a presentación de recurso contencioso-administrativo diante dun texto que acumula un feixe de informes negativos e "marxina o galego" nas aulas.

Redacción - 12:05 25/05/2010

"Hoxe publícase no DOG o maior retroceso para a nosa lingua, un atentado ignominioso que pon en evidencia o desprezo ao profesorado do que fai gala esta Consellaría de Educación", expón a CIG-Ensino nunha comunicación aos medios na mañá desta terza feira. O propio executivo avanzou a súa intención de realizar as modificacións legais necesarias para turrar co 'decretazo' ao xeito en que orixinalmente foi presentado, mais este mesmo martes sae xa publicado no Diario Oficial de Galicia apenas uns días despois de recibir a beizón do Consello da Xunta. "O goberno de Feijoo ten présa, présa por atacar o galego", repróchanlle ao respecto desde a CIG-Ensino. A formación sindical lembra esa vontade de modificación xa expresada polo presidente da Xunta despois do último informe contrario ao texto, o do Consello Consultivo, coa fin de "impoñer todas e cada unha das premisas en que basearon este ataque á nosa lingua".

Nese contexto, a formación sindical confirma que presenta recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o chamado 'Decreto do Plurilingüismo'. Ao fío, a CIG recorda outros informes desfavorábeis, como os elaborados pola Real Academia Galega ou polo Consello da Cultura e censura especialmente que a Xunta "desobedece" o último pau ao decretazo que arrebolou o informe do Consello Consultivo. Entenden os representantes dos traballadores do ensino que se "despreza" o traballo realizado polo profesorado e a súa capacidade e criterio pedagóxico. "Amais de desbotar que o alumnado teña competencia no noso idioma, tamén é un desprezo ao noso labor docente que o alumnado poida usar nas aulas de ensino en galego a lingua da súa preferencia", denuncian. Por este motivo, a CIG seguirá alentando o profesorado para que "continúe dando as clases na nosa lingua, contando con todo o noso apoio". Do mesmo xeito, o sindicato anuncia próximas iniciativas en contra do 'decretazo'.


4,59/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: