Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Documento estratéxico

A Comisión Europea turrará por estender a idade de xubilación deica os 70 anos

Un proxecto filtrado este venres pola prensa económica alemá revela a intención do executivo da UE de impulsar reformas no sistema de pensións.

Redacción - 13:05 28/05/2010
Mobilizacións en Francia contra a extensión da idade de xubilación / Imaxe: Liberation

Mobilizacións en Francia contra a extensión da idade de xubilación / Imaxe: Liberation

Máis horas de traballo e máis anos a pé do choio. Ese é o agoiro da Comisión Europea para que os números cadren segundo un documento interno que, previsibelmente, será coñecido antes do verán e do que esta sexta feira avanza contidos o Financial Times.

Segundo a análise da Eurocomisión a idade media de xubilación dos traballadores na Unión Europea debera ser incrementada de xeito xeral en todos os estados membros para garantir o sistema de pensións. Cavilando que a metade do século actual a esperanza de vida da cidadanía da UE prognostícase de até sete anos por riba dos números actuais, a vida laboral dos traballadores europeos debera estenderse, calcula o executivo, até a altura dos 70 anos.

Diversos estados da UE prevén lexislar nesa liña
Unha medida que vai na liña de propostas realizadas no Estado Español por patronal e outros organismos, nun contexto onde o propio goberno español falou xa de subir a idade de retiro até os 67 anos, orixinando diversas mobilizacións sindicais. Na actualidade, só Alemaña, Reino Unido, Dinamarca e o Estado Español teñen previsto aumentos da idade legal de xubilación para alén dos 65 anos.

O asunto está de actualidade esta semana en Francia, onde os cidadáns tomaron a rúa en protesta polos plans do goberno Sarkozy ao respecto da idade de retiro, a máis baixa no contexto da UE. Os diarios Le Monde e Liberation editorializan esta semana sobre a cuestión. "O dogma da xubilación aos 60 anos non coincide coa realidade, se vivimos cen anos non poderemos de ningún modo xubilarnos aos 60", expón o primeiro dos xornais subliñando a frase recente do actual presidente do FMI, Dominique Strauss-Khan. Mentres, Liberation, avalía que é posíbel non tocar a idade xubilatoria se se compensa o déficit con achegas compartidas das propias empresas, e o incremento de taxas e períodos de cotización aos pensionados.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: